O PP de Poio recolle firmas para esixir a depuradora ao goberno local

Poio
12 de marzo 2016

O Partido Popular de Poio comezou a recollida de firmas para que o goberno local determine a ubicación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) que dará servizo ao Concello "e contribuirá a solucionar o problema" de contaminación da ría

Mariscando na ría de Pontevedra
Mariscando na ría de Pontevedra

O Partido Popular de Poio comezou a recollida de firmas para que o goberno local determine a ubicación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) que dará servizo ao Concello "e contribuirá a solucionar o problema" de contaminación da ría.

O voceiro do PP en Poio, Ángel Moldes recalcou a importancia particular que ten para Poio este asunto, xa que "os mariscadores e bateeiros de Poio están sufrindo graves prexuízos pola presenza de coliformes na auga, e estamos a piques de que nos pechen as praias ao marisqueo e ao baño. O futuro do mar e o turismo de Poio e de toda a comarca depende de recuperar a ría", asegurou.

Con esa fin, o popular reivindicou a campaña "consensuada cos traballadores do mar e o sector turístico de Poio" para conseguir unha EDAR que dea servizo ao Concello e en particular aos núcleos de Raxó e Samieira.

Este sábado xa comezaron a repartirse as follas para as firmas dos veciños esixindo ás administracións que traballen para facer realidade a depuradora.

A campaña solicita ao Concello de Poio que determine unha ubicación para a EDAR e á Xunta que financie a súa construción. A Xunta xa comunicou que achegará o financiamento en canto o goberno poiense lle comunique onde irá emprazada a depuradora.