O PP de Poio convida o PSdeG a "informarse de primeira man" sobre as obras de Portos de Galicia en Raxó e Covelo

Poio
11 de outubro 2017

A voceira do Partido Popular para a parroquia de Raxó, Tamara González, convidou ao voceiro de pesca do PSdeG no parlamento galego, Julio Torrado, "a coñecer a realidade de Raxó e Samieira que os seus compañeiros de Poio non lle contan"

Tamara González, concelleira do PP de Poio
Tamara González, concelleira do PP de Poio / PP de Poio

A portavoz do Partido Popular de Poio para a parroquia de Raxó, Tamara González, respondeu este mércores ás declaracións do deputado socialista Julio Torrado, que acusaba de "sectarismo" a Portos de Galicia na xestión das dársenas de Raxó e Covelo.

González convidou o socialista a visitar Poio "para informarse de primeira man" das obras feitas por Portos de Galicia, como a pasarela peonil de Raxó ou a humanización da ponte do Covelo, con investimentos de 100.000 e 200.000 euros.

Ademais sinalou a próxima actuación de mellora no porto de Raxó, "para a que fai falta que o bipartito de Poio, incluído o PSOE, faga o seu traballo e dea a localización da depuradora", declarou a reponsable do Partido Popular.

Nesta última actuación está previsto substituír todas as canalizacións e habilitar un novo sistema de saneamento e separación de residuos cun importante investimento de Portos de Galicia, segundo recalcou Tamara González.