O PP critica a "inoperancia" do goberno local de Poio no saneamento da ría

Poio
12 de outubro 2016

Moldes denunciou que o bipartito de Poio "segue a poñerse de perfil cando se trata de traballar por Poio, como na ubicación da depuradora"

O portavoz do PP na Deputación, Ángel Moldes
O portavoz do PP na Deputación, Ángel Moldes / Partido Popular

O presidente local do PP de Poio, Ángel Moldes, criticou ao goberno local despois da reunión do martes entre a Xunta, os concellos de Poio, Marín e Pontevedra e representantes de confrarías e mariscadoras, na que "o bipartito poiense volveu demostrar que 21 anos despois, ten a mesma actitude frente o saneamento da ría: a inoperancia".

Moldes denunciou que o bipartito de Poio "segue a poñerse de perfil cando se trata de traballar por Poio", como na ubicación da depuradora.

A ausencia de EDAR e a vertedura de augas residuais directamente na ría ten provocado varios peches de praias e zonas de marisqueo por augas fecais, mentres o goberno local "non fai nada por mellorar a situación", dixo Moldes.

"O mesmo pasotismo e abandono explica a perda de oportunidades para colectivos e veciños de Poio", indicou Moldes, referíndose ao plan ambiental asinado por Xunta e Ence.

Para este xoves está convocado na delegación territorial da Xunta en Campolongo o acto de constitución da comisión de seguimento deste pacto ambiental. Asistirán o vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en funcións, Beatriz Mato, e o conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares y Brunet.

O voceiro dos populares de Poio salientou que esa comisión vai "repartir nin máis nin menos que 3 millóns de euros cada ano durante os próximos 60 anos a asociacións e iniciativas dos concellos da ría, e os colectivos de Poio non estarán representados polo capricho do bipartito".