O voceiro do Partido Popular de Poio Ángel Moldes afirmou hoxe que desexa que "os integrantes do goberno local de Poio sexan solidarios co sector do mar e tamén coherentes". Fixo estas declaracións dende a sede local do PP, no transcurso dunha rolda de prensa na que anunciou o inicio dunha campaña "moi intensa" para conseguir que o bipartito propoña unha ubicación para a "depuradora de Poio" e solucionar así o principal problema dos profesionais do mar de Poio.
O Partido Popular comezará esta semana unha rolda de reunións cos profesionais do mar do concello para obrigar ao goberno local a que atope unha ubicación para a estación depuradora de augas residuais (EDAR).
Os populares queren que "a concienciación que o bipartito di ter" sobre os problemas da xente do mar se traslade "á principal demanda do sector" en Poio, que según Moldes é "a depuración das augas".
Ángel Moldes desvelou que o estado das zonas de marisqueo e cultivo de Poio empeorou moito pola ausencia de depuradora, e a curto prazo os empregos da zona relacionados co mar e o turismo "poden desaparecer".
O popular non descarta a convocatoria dunha "gran manifestación do sector do mar de Poio" solicitando a búsqueda de ubicación e financiación para a EDAR do Concello.