O PP afirma que non se está a realizar ningún traballo nos terreos que acollerán a planta de compostaxe

Pontevedra
04 de maio 2016

O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra afirma que non existe proxecto definido para os terreos de A Canicouva a pesar de que o BNG asinou o pasado mes de decembro o contrato de alugueiro coa comunidade de montes desta parroquia

Jacobo Moreira visita os terreos da futura planta de compost na Canicouva
Jacobo Moreira visita os terreos da futura planta de compost na Canicouva / Partido Popular de Pontevedra

O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra afirma que non existe proxecto definido para os terreos de A Canicouva a pesar de que o BNG asinou o pasado mes de decembro o contrato de alugueiro coa comunidade de montes desta parroquia.

Este mércores o portavoz popular, Jacobo Moreira, criticou que "os pontevedreses están a perder cartos debido á improvisación e á falta de xestión do BNG", xa que según comprobaron os populares case cinco meses despois de que o goberno local asinase o contrato de alugueiro dos terreos de A Canicouva, "non se ten feito ningún traballo nin labor neles".

O pasado mes de febreiro, os populares solicitaron información sobre os traballos que se están a levar a cabo nestes terreos, polos que o Concello de Pontevedra está a pagar anualmente 20.000 euros á comunidade de montes desta parroquia. Agora, o técnico de Medio Ambiente Natural e o enxeñeiro técnico forestal "corroboran as sospeitas do grupo popular".

Moreira cre que a ausencia dun proxecto definido sobre o uso destes terreos e sobre a construción da planta de compostaxe "está a provocar que o Concello, e en consecuencia os veciños de Pontevedra, estean tirando os cartos".

Neste sentido, os populares lembran que "a día de hoxe seguemos sen coñecer a proposta final sobre esta instalación, non hai proxectadas nin as dimensións, nin como se levará a cabo. Tampouco sabemos se o Concello afrontará en exclusiva o proxecto, se a Deputación colaborará ou se o xestionará unha empresa privada".

Por todo isto, os populares esixen ao BNG "rigor e seriedade".

Arquivado en