Os traballadores de Ence volveron a tomar as rúas este venres. Aínda que a defensa dos seus postos de traballo sempre está como pano de fondo, a razón desta mobilización era a de agradecer ao presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez Costa, o posicionamento da institución favorable á adscrición dos terreos da fábrica ao Porto de Marín e tamén polo recurso interposto ante o Supremo contra a anulación da prórroga da concesión.
Desde a factoría de Lourizán, unha columna de varios centenares de traballadores da planta, das oficinas, do sector forestal, loxísitco e de transporte, así como de empresas auxiliares partiu a pé pola estrada vella de Marín cara á sede da Autoridade Portuaria no parque azul de Cantodarea portando pancartas, tirando petardos e recitando lemas en favor da adscrición dos terreos da pasteira ao Porto, en defensa dos postos de traballos, da viabilidade da factoría no seu actual emprazamento e en contra da postura defendida polo Concello de Pontevedra e do seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
"Queremos dar as grazas á Autoridade Portuaria de Marín polo apoio que nos está dando en todo este proceso. Non só por presentar recurso de casación ante o Supremo, tamén por escoitar esa proposta que presentamos na mesa de diálogo como posible solución legal, que é a adscrición ao Porto de Marín e que xa iniciou os trámties", explicou a presidenta do comité de empresa de oficinas centrais, Ana Cedeira.
Sobre o anuncio dos responsables da empresa de investir 400 millóns de euros en Lourizán se se garante a continuidade da actividade, Cedeira veo como unha mostra de que "a empresa segue apostando por Ence en Lourizán. É unha cantidade bastante potente para seguir creando emprego, mellorar todo o noso proceso e contribuír á riqueza de Galicia, Pontevedra e a comarca".
En cambio, en referencia á situación do proceso xudicial, a portavoz dos traballadores non puido achegar ningún dato novo debido a que "estamos pendentes da sentenza do Supremo e na Xustiza é imposible saber os prazos", rematou.
Tamén participou na marcha o máximo representante do sector forestal en Pontevedra, Antonio Taboada, quen insistiu na dependencia do seu sector da continuidade de Ence en Lourizán e ve na adscrición dos terreos ao Porto de Marín a "solución que evite calquera tipo de desmarcaxe político e para que deixemos de depender da cambiante Lei de Costas".
Tras unha hora de camiñada baixo un sol de xustiza, a columna de traballadores foi recibida ás portas da sede da Autoridade Portuaria polo seu presidente Suárez Costa, quen estreitou a man da portavoz dos traballadores, Ana Cedeira, e recibiu a carta de agradecemento que lle dedicaron e que a propia Cedeira leu en alto. Nela, reiteran o seu agradecemento polos dous trámites iniciados pola entidade portuaria e lembran a estreita e dependente relación comercial que une ao Porto con Ence desde hai décadas como porta de entrada e saída de toneladas de mercadorías e pasta de papel.
A misiva inclúe tamén unha mensaxe para a clase política, entre eles o rexedor Lores, á que acusa de "en lugar defender os intereses de cidadáns e traballadores e de promover a creación de riqueza, fan xusto o contrario". E remarcan tamén a intención de seguir loitando por "seguir traballando e creando riqueza para todos na comarca de Pontevedra".
Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria, aproveitou a visita para explicar a postura oficial da institución. "A empresa Ence para o Porto é unha empresa estratéxica porque move 400.000 toneladas de pasta de papel. Nós xa tiñamos pensado hai tempo, antes de que xurdiran estes problemas, de adscribir os terreos con Ence ou sen Ence encima. A nós nos interesa que se inscriban con Ence, pero se ten que marchar, ao Porto interésalle unha zona de actividade loxística portuaria", declarou José Benito Suárez Costa.
Para conseguir o seu obxectivo, a institución que dirixe actuou en dous ámbitos: o xudicial e o administrativo. No primeiro, a través da interposición dun recurso de casación ante o Supremo contra a anulación da prórroga.
E no segundo, mediante o inicio da redacción dun "plan para incorporar eses terreos á DEUP (Delimitación de Espazos e Usos Portuarios). De esa forma intentariamos que a empresa e os terreos sigan aquí ou que os terreos se incorporen ao Porto para dar resposta a unha serie de necesidades que temos para a implantación de empresas loxísticas", confesou antes de dirixirse a viva voz a todos os traballadores para agradecerlle a visita.