O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu un auto no que require á Autoridade Portuaria de Marín que "cumpra" o fallo xudicial polo que obriga a demoler os recheos realizados en Praceres. Os responsables do Porto contan cun prazo de 20 días para demostrar que se executou a sentenza. En caso de incumprimento, o tribunal impoñería unha multa coercitiva. Todo iso, segundo o fallo do Tribunal, "sen prexuízo de deducir, no seu momento, o oportuno testemuño de particulares para esixir a responsabilidade penal que puidese corresponder".
A Autoridade Portuaria conta con cinco días para interpoñer un recurso de súplica ao auto que foi publicado con data do 28 de febreiro. Dende a institución confirmouse que vai presentar ese recurso a través da Avogacía do Estado coa intención de manter os "postos de traballo" que actualmente se desenvolve nese espazo que se estende ao longo de 300.000 metros cadrados, segundo a axencia Europa Press.
A sentenza tamén obriga ao levantamento do tramo de ferrocarril instalado no interior do Porto mariñense.