O Pleno da Deputación ratificará o venres o acordo con Pontevedra pola planta de compostaxe

Pontevedra
30 de xullo 2014

O goberno municipal encargarase de buscar os terreos precisos e de poñelos á disposición da Deputación, que elaborará previamente un estudio de viabilidade. En paralelo ao citado estudio, a Deputación sacará a concurso a contratación de 1.500 composteiros para distribuír entre os cidadáns

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra

Trala súa aprobación por parte do Concello de Pontevedra, a planta de compostaxe pasará este venres un trámite decisivo. O Pleno da Deputación ratificará este venres, cos previsibles votos a favor de PP e BNG, o acordo para construír esta infraestrutura na capital da provincial, na que Concello e Deputación agardan tratar unhas 15.000 toneladas de materia orgánica e restos vexetais cada ano.

O goberno municipal encargarase de buscar os terreos precisos e de poñelos á disposición da Deputación, que elaborará previamente un estudio de viabilidade que determinará, entre outras cousas, a tecnoloxía máis apropiada para a planta, a capacidade de tratamento idónea, a man de obra necesaria, as condicións ambientais e de localización e unha análise de gastos e ingresos.

En paralelo ao citado estudio, a Deputación sacará a concurso a contratación de 1.500 composteiros para distribuír entre os cidadáns.

Ademais dos da cidade de Pontevedra, esta planta de compostaxe procesará unha parte importante dos residuos da provincia, co que a institución provincial asegura que se eliminarán gastos de transporte e se mellorarán as condicións ambientais.

SERVIZO DE RECOLLIDA E TRATAMENTO PROVINCIAL

No pleno aprobarase tamén o expediente para a xestión, por parte da Deputación e con carácter supramunicipal, do servizo de recollida e tratamento de residuos domésticos e asimilables así como a xestión dos puntos limpos nos concellos da provincia de Pontevedra.

O expediente implicará aprobar o convenio marco que a Deputación subscribirá con 21 concellos con poboación inferior aos 50.000 habitantes, así como dar o visto bo á aprobación do anteproxecto de explotación e estudio de viabilidade do contrato de xestión destes servizos públicos.

Suporá tamén aprobar o regulamento do servizo e a súa contratación, baixo a modalidade de concesión. A contratación será por procedemento aberto e cun custo unitario de 159 euros por  tonelada, cun prezo vencellado ás tarifas.

Arquivado en