O persoal de ENCE na fábrica recibiu a nova da súa continuidade en Pontevedra con "sorrisos, bágoas e prantos"

Pontevedra
07 de febreiro 2023

Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa de oficinas, e Rubén Fernández, secretario do comité de fábrica, amosaban a súa satisfacción pola resolución do Tribunal Supremo, que garante a continuidade da factoría en Lourizán

Traballadores de Ence celebran o fallo do Supremo sobre a fábrica
Traballadores de Ence celebran o fallo do Supremo sobre a fábrica / Mónica Patxot

"Emocionados, tranquilos, aliviados", así definía Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa de oficinas centrais de Ence, as sensacións do persoal da empresa tras coñecer a resolución do Tribunal Supremo, que garante a continuidade da factoría en Lourizán ata 2073.

"Non fago outra cousa máis que chorar", explicaba a representante dos traballadores repetíndose a si mesma "quedámonos" e afirmando que senten "moi orgullosos de ser traballadores de Ence". 

Na mesma liña pronunciábase Rubén Fernández, secretario do comité de empresa da fábrica, afirmando que era unha "noticia que levabamos moito tempo esperando" e que foi acollida con "moita ilusión" ao entender que se abre unha "nova etapa".

Os traballadores indicaron que se atopaban "nerviosísimos" durante toda a mañá e que estalaron "con sorrisos, bágoas e prantos" tan pronto como coñeceron a decisión do Tribunal Supremo, que anula dous das sentenzas contra a prórroga efectuadas pola Audiencia Nacional.

Ana Cedeira indicaba tamén que, de momento, as celebracións están a realizalas dentro da empresa, con "serenidade" e "compañeirismo", para indicar que "imos esperar os termos da sentenza", á espera de que os avogados informen con detalle sobre esta resolución.

"Decidiron ao noso favor. É o que nos importaba e desexabamos", conclúe a representante sindical, claramente conmovida pola noticia.