O persoal da fábrica de Elnosa en Pontevedra mobilizouse este sábado con repartición de información en distintos puntos da cidade sobre a actividade da cloreira. Na praza da Peregrina montaban unha exposición con recortes de empresa e gráficos sobre a preocupante situación de escaseza de cloro na que quedará a Península cando a partir do 11 de decembro a Unión Europea impida a produción de cloro empregando mercurio.
Avelino García, presidente do comité de empresa, sinalaba que seguen a agardar unha resposta por parte da Dirección Xeral de Costas que lles garanta a súa continuidade na ría de Pontevedra. Esa confirmación sería fundamental para que a empresa portuguesa CUF, propietaria da electroquímica, decidise investir nun sistema de membrana que permitiría seguir elaborando cloro nas instalacións de Lourizán.
A finais deste mes, os representantes sindicais teñen previsto manter un novo encontro coa dirección da empresa para concretar como se vai a axustar o persoal e cal vai ser a produción a partir do 11 de decembro, data na que só poderán elaborar hipoclorito sódico ata que Costas se pronuncie sobre o seu futuro nos terreos afectados. Os representantes sindicais mantéñense á espera dunha entrevista con algún representante do Ministerio de Medio Ambiente desde o 30 de agosto.
O vindeiro venres 10 de novembro, o comité de empresa organizou unha manifestación polas rúas de Pontevedra para reivindicar a presenza de industria no municipio. Avelino García confirmaba que contan co apoio de traballadores de Ence e do Porto de Marín. Ao longo desta semanan seguirán ofrecendo información a diferentes colectivos.