A Conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, confirmoulle ao alcalde de Ponte Caldelas que o Consello da Xunta deste xoves aprobou a construción dun punto limpo nunha parcela municipal de 1.417 metros cadrados situada no parque empresarial da Reigosa. A Xunta prevé un investimento para a construción de 335.979,97 euros.
Trátase dunha parcela triangular que está destinada urbanisticamente para este uso e que foi decida no seu día ao Concello por Xestur, cando se cederon os viais, zonas verdes e equipamentos.
O Concello unha vez que a Xunta constrúa ese punto limpo debe facerse cargo da explotación, mantemento e conservación deste.
O punto limpo está destinado para que os veciños do municipio teñan un lugar no que depositar de xeito ordenado os residuos que non poidan ser depositados nos colectores que hai nas rúas, tales como tubos fluorescentes, pequenos residuos de obras procedentes de pequenas reparacións, aparellos, colchóns, botes de pinturas etc. Algúns deses aparellos agora recóllense en semanas alternas con previa chamada a un teléfono da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo. Co punto limpo ese servizo manteríase, pero os veciños terían a posibilidade de levalos directamente ao punto limpo sen esperar aos días de recollida.
O rexedor de ponte Caldelas prevé que o uso deste punto limpo teña un horario de atención ao público co fin de que poida ser utilizado con comodidade e de modo gratuíto polos veciños do municipio como un elemento voluntario e complementario do servizo de recollida de lixos existente.
Estes puntos limpos están totalmente pechados e acondicionados con distintos colectores por cada residuo, mantendo sempre un aspecto ordenado que non o diferencia doutra parcela do polígono.