O parque empresarial da Reigosa contará con videovixilancia antes de 2014

Ponte Caldelas
20 de decembro 2013

Van instalarse 15 cámaras repartidas polo polígono industrial coa intención de evitar roubos ou actuacións vandálicas. O orzamento ascende a máis de 48.000 euros

Unha demanda dos empresarios do Parque Empresarial da Reigosa resolverase nas próximas semanas. O alcalde de ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, informou os membros da Entidade de Conservación do Parque de que un sistema de videovixilancia vai poñerse en funcionamento antes de que finalice o ano.

O sistema conta con 15 cámaras repartidas polas distintas rúas que conforman o parque industrial coa intención de evitar roubos ou actuacións vandálicas. O presuposto para esta instalación sitúase en 48.443 euros e a Consellería de Economía e Industria achega 38.775 euros a través dunha subvención.

O sistema conta cun gravador dixital con capacidade de almacenamento de imaxes durante as 24 horas e mostra os resultados nunha pantalla conectada á Policía Local, á que teñen acceso os corpos e forzas de seguridade do Estado. Ademais permite a recuperación dun arquivo de imaxes captadas polas cámaras dunha gravación realizada en calquera día e hora.

Segundo o concello de ponte Caldelas non se produciron roubos nas naves construídas neste polígono pero con este sistema mellóranse as prestacións do Parque Empresarial e resulta máis atractivo para futuras empresas.

Os propietarios das 49 parcelas do Parque xa decidiran contratar unha empresa de seguridade para a vixilancia nocturna e este sistema aumenta o control na zona.

Desas 49 parcelas, 23 están vendidas e 13 contan con naves que desenvolven actividade industrial.

Arquivado en