O novo emisario submarino comezará a funcionar en xaneiro

Pontevedra
14 de outubro 2022

As conselleiras de Infraestruturas e de Mar visitaron as tarefas de fondeo do tramo mariño do emisario submarino dos Praceres na ría de Pontevedra comprobando que o 90% do emisario está xa terminado

Tarefas de fondeo do treito mariño do emisario submarino dos Praceres na ría de Pontevedra /

As conselleiras de Infraestruturas, Ethel Vázquez e de Mar, Rosa Quintana, visitaron este venres as tarefas de fondeo do tramo mariño do emisario submarino dos Praceres na ría de Pontevedra comprobando que o 90% da obra está xa executada e anunciando que a súa posta en funcionamento será en xaneiro do próximo ano 2023.

Este venres completouse a instalación do sétimo dos nove tramos de tubaxe que conforman este emisario. Cada unha destas partes ten unha lonxitude media duns 350 metros, o que supón unha dimensión total de máis de 3,6 quilómetros "é o máis longo de toda Galicia", destacou Ethel Vázquez. 

O xefe do departamento de obras de Augas de Galicia, David Hernáez, actuou como guía ao longo desta visita explicando todo o proceso de construción desta infraestrutura e o punto no que se atopa a execución da obra avanzando que "a previsión é que en dúas semanas teñamos todo o emisario posicionado no seu sitio".

Ethel Vázquez indicou que os traballos desta infraestrutura se están a desenvolver sen afectar á actividade produtiva, adoptando medidas para minimizar o impacto na súa actividade e sinalizando con boias a situación do trazado polo que se vai avanzando para que dispoñan desa referencia visual.

A actuación do novo emisario divídese en dúas partes, a primeira delas, a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e a estación do bombeo, que xa está case finalizada, restando só remates e os equipos, que xa están encargados para a súa instalación.

Vázquez Mourelle subliñou que en cuestión de poucos meses estará culminado un investimento de case 30 millóns de euros na mellora do saneamento da ría de Pontevedra, coa mellora da depuradora dos Praceres xa en servizo desde xullo, e co novo emisario submarino.

Adiantou, ademais, a vontade do Goberno galego de seguir traballando na mellora do saneamento da ría, con eses máis de 10 millóns de euros consignados nas contas da Xunta de 2023: as partidas necesarias, dixo, para seguir avanzando na execución doutras actuacións de saneamento como as previstas no río Lameira, en Marín, e nos proxectos de saneamento da Seca e do Porto Campelo, en Poio, e do bombeo de Cocheras, en Pontevedra.

A conselleira do Mar, pola súa banda, destacou as actuacións que está a realizar a Xunta en Pontevedra para mellorar o saneamento na ría pois contribúen a mellorar a calidade das augas en beneficio dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro e do conxunto da cidadanía.

 

 

Arquivado en