O Ministerio para a Transición Ecolóxica trasladou á Subdelegación do Goberno de Pontevedra así como a outras entidades da comarca a declaración de caducidade da concesión outorgada o 15 de decembro de 1971 a "Electroquímica del Noroeste, S.A.".
Con esta declaración conclúe oficialmente a cesión de 12.587 metros cadrados de terreos marítimo-terrestres que a empresa Elnosa ocupaba en Lourizán para a fabricación de cloro e outros produtos anexos.
A decisión xa fora asumida pola actual propietaria da factoría, a multinacional portuguesa Boldanti, queanunciaba o peche de Elnosa para centrar a súa actividade no municipio de Torrelavegaonde están a adaptar unha fábrica para a elaboración de cloro con nova tecnoloxía, autorizada pola Unión Europea. Ata alá van desprazarse 17 dos traballadores que formaban parte do plantel de Elnosa ao longo dos vindeiros meses co obxectivo de que esa nova factoría comece a produción a finais de 2019.
Durante os vindeiros dous anos, a firma portuguesa terá que desenvolver traballos de desmantelamento e recuperación dos terreos ocupados na ría de Pontevedra.
Para a Asociación pola Defensa da Ría, que lidera Antón Masa, esta declaración do Goberno supón un éxito colectivo da sociedade pontevedresa, "que loita desde hai xa demasiado tempo pola recuperación da ría e que verá culminado o soño coa saída de Ence de Lourizán", indican desde o colectivo ecoloxista na rede social Twitter.