O secretario xeral confederal de CCOO, Unai Sordo, expresou este xoves o apoio do sindicato ao mantemento da empresa Ence na súa localización en Lourizán e destacou que xera emprego de calidade con impacto en distintos sectores de toda a comarca.
O líder sindical reuniuse este xoves en Vigo con membros do comité de empresa de Ence-Pontevedra e representantes de empresas auxiliares. Tamén asistiron a secretaria xeral do sindicato nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez; a secretaria xeral de CCOO-Vigo, Montse Carrera; e o secretario de acción sindical de CCOO-Pontevedra, Omar Vázquez.
Ao término da reunión, o sindicato informou a través dun comunicado de que Unai Sordo tomou nota das reivindicacións do comité de empresa e comprometeuse a visitar a fábrica proximamente.
Desde o comité de empresa explicáronlle ao secretario xeral confederal que máis de cinco mil familias ven "gravemente ameazada" a súa forma de vida e o seu sustento e que a cidade e a comarca "dificilmente poderían repoñerse dun golpe como o peche da súa principal industria".
Tamén lle trasladaron que Comisións Obreiras, sindicato maioritario no comité de empresa, convocou para o próximo 30 de setembro unha manifestación en defensa do emprego que xera Ence en Pontevedra.