O Salón de plenos do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra acolleu o Demo Day da sétima edición de "DepoEmprende na FP", na que alumnado de 6 centros da provincia presentaron os 8 proxectos emprendedores elixidos para participar neste certame, no que se repartiron 1.900 euros en premios.
A iniciativa "Brunch Café o Camiño" do CIFP Carlos Oroza, de Pontevedra, alzouse como gañadora na categoría de grao medio, que conta cun único premio de 700 euros. Trátase dunha proposta dun local de almorzos e xantares localizado na cidade de Pontevedra e baseado nunha cociña km 0, para garantir a calidade e a frescura de cada un dos produtos valorando a relación calidade-prezo.
Pola súa banda, o primeiro premio para os proxectos de grao superior, dotado con 700 euros, foi para "Mia Creativa", do IES Montecelo de Pontevedra. Trátase dunha empresa especializada en deseño inclusivo que se centra no desenvolvemento dunha web accesible, identidade corporativa e deseño gráfico.
O segundo premio, con 500 euros, foi para "Depoenxebre", do IES A Guía de Vigo. Trátase dunha iniciativa que ofrece unha ampla variedade de servizos baseados na socialización a través da actividade física, especializados na terceira idade.
Ademais dos tres proxectos gañadores tamén presentaron os seus proxectos o alumnado de ciclo medio do IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar), con "Verdeauga", e o do IES Pazo da Mercé (As Neves), con "Itavia".
As propostas de grao superior foron "Furabolos", do IES A Guía (Vigo), "Vending Automation", do IES Politécnico (Vigo), e "Holics", do IES Montecelo.