O IES de Poio, premiado pola Comisión Europea en Estrasburgo

Poio
17 de outubro 2017

Trátase do proxecto eTwinning "Delirant isti eTwinnienses Romani!" desenvolvido polo alumnado de Latín de primeiro de Bacharelato con Estremadura, Alemaña, Polonia e Italia e que foi seleccionado dentro da iniciativa Move2 learn. Learn2move

Alumnos do IES de Poio en Estrasburgo
Alumnos do IES de Poio en Estrasburgo / IES de Poio

Ata a cidade francesa de Estrasburgo viaxaron alumnos do IES de Poio para recibir un premio das mans da Comisión Europea.

Trátase do proxecto eTwinning "Delirant isti eTwinnienses Romani!" desenvolvido polo alumnado de Latín de primeiro de Bacharelato con Estremadura, Alemaña, Polonia e Italia e que foi seleccionado dentro da iniciativa Move2 learn. Learn2move.

Esta iniciativa foi presentada con ocasión do trixésimo aniversario do programa Erasmus. 

O obxectivo desta iniciativa é que a mocidade poida experimentar o que implica vivir en Europa e comprenda a repercusión positiva que ten a Unión Europea na vida da súa cidadanía.

Ademais de descubrir outras culturas, os participantes tamén se fan máis conscientes da pegada de carbono das súas viaxes, pois tiveron que respectar un nivel máximo de emisións de CO2 durante o seu periplo e tiveron que elixir os medios de transporte que utilizan tendo isto en conta.

A Comisión Europea seleccionou aqueles proxectos que cumpriron de forma máis sobresaínte cos seis criterios do selo de calidade nacional, un premio co que xa fora recoñecido o proxecto do departamento de Latín no mes de xullo.

O tratamento da inclusión no proxecto tamén foi valorado.

O alumnado de Latín do IES de Poio estivo en Estrasburgo entre os días 10 e 14 outubro.

Nesta cidade achegáronse ata o Parlamento Europeo nunha visita guiada onde se lles explicou o funcionamento desta institución europea.

Pasaron tamén unhas horas no Colexio Europeo de Estrasburgo, traballando con compañeiros de distintos países en temas de cidadanía europea e inclusión. Alí presentaron tamén o concello de Poio e o sistema educativo galego.