O Gran Montecelo, a variante de Alba e a estación intermodal centran a reunión entre Lores e Luísa Piñeiro

Pontevedra
04 de decembro 2020

A delegada territorial da Xunta destacou a boa sintonía entre ambas as administracións para a implantación do transporte metropolitano

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibe á delegada da Xunta, Luísa Piñeiro
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibe á delegada da Xunta, Luísa Piñeiro / Mónica Patxot

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luísa Piñeiro, continúa coa súa rolda de visitas institucionais. Este venres foi a quenda do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, co que repasou os principais proxectos que ambas as institucións teñen en marcha na capital da provincia.

"O noso interés é avanzar en cousas, repasamos asuntos dos que xa falei co presidente e a idea é que a relación con organismos que dependen da Xunta como Patrimonio, Augas de Galicia ou  Portos; que haxa esa interlocución necesaria porque a veces atráncanse os expedientes", resumiu o rexedor puntualizando que "non temos noticias de grandes acordos", aínda que si que analizaron a situación de grandes proxectos como o Hospital Gran Montecelo, a estación intermodal ou a variante de Alba.

"Debatemos sobre proxectos da cidade tanto en infraestruturas como servizos", engadiu a delegada Piñeiro. Durante o encontro centráronse tamén en servizos moi importantes para a cidadanía e o medio ambiente como o saneamento. Ademais, mantense a boa sintonía entre ambas as administracións para poñer en marcha o transporte metropolitano. "O que poidamos achegar desde a delegación, aquí estaremos", concluíu Piñeiro.

Arquivado en