O goberno municipal de Vilaboa rexeita asistir ao inicio das obras da A-57

Vilaboa
17 de outubro 2015

Ao goberno municipal de Vilaboa, formado polo PSdeG-PSOE e o BNG, non lle gustaron as formas da ministra de Fomento, Ana Pastor, con respecto á invitación formal enviada para que asistiran ao acto de inicio das obras do tramo A Ermida-Vilaboa da autovía A-57. Tanto que anuncian que non acudirán ao mesmo ante a "falta de lealdade institucional" que aprecian neste departamento do Goberno

O alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro xunto ao subdelegado do Goberno, Antonio Coello
O alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro xunto ao subdelegado do Goberno, Antonio Coello / Mónica Patxot

Ao goberno municipal de Vilaboa, formado polo PSdeG-PSOE e o BNG, non lle gustaron as formas da ministra de Fomento, Ana Pastor, con respecto á invitación formal enviada para que asistiran ao acto de inicio das obras do tramo A Ermida-Vilaboa da autovía A-57. Tanto que anuncian que non acudirán ao mesmo ante a "falta de lealdade institucional" que aprecian neste departamento do Goberno.

Nun comunicado, asinado polo alcalde José Luis Poceiro e a tenente de alcalde Ornela Fernández, ambos sinalan que o Concello de Vilaboa pediu en varias ocasións unha entrevista coa ministra para tratar temas que son competencia da súa área de xestión.

Con respecto á A-57 afirman que querían analizar con ela as "deficiencias, problemáticas e eivas" que afectan ao seu concello. Pero tamén buscaban falar das obras do AVE e da N-554, estas últimas xa rematadas, para ver a posibilidade de que se transferira o viario á Xunta de Galicia.

A pesar destas peticións de entrevista, realizadas desde que comezou a lexislatura hai case catro anos, nunca se atendeu este requirimento.

O goberno municipal de Vilaboa considera esta cuestión como unha "discriminación" cara o seu concello, unha "falta de respecto á institución e polo tanto aos nosos veciños e veciñas" que lles impide asistir ao acto de inicio de obras que terá lugar o próximo luns en Marcón.

Arquivado en