O Pleno de Sanxenxo deu luz verde este xoves ao cambio da modalidade do contrato do lixo de concesión a prestación de servizo, un trámite que marca o punto de partida do proceso previo á licitación.
A portavoz de goberno, María Deza, explicou que o actual contrato conclúe o 22 de xaneiro de 2025 e que o goberno "xa se encontra traballando no futuro prego" que estará marcado polos estándares de sustentabilidade ambiental, a modernización do servizo e a mellora das condicións para o usuario.
Entre as principais novidades, detallou o alcalde, Telmo Martín, están a inclusión da limpeza de praias e camiños no servizo municipal.
Na sesión deste xoves tamén se aprobou coa abstención do PSOE e do BNG unha modificación do contrato coa actual concesionaria do servizo Ascan para recoller un custo sobrevindo de 130.000 euros no que se inclúe a recollida de selectiva de materia orgánica a grandes produtores que esixa a lei 7/2022 de residuos sólidos para unha economía circular.
"Trátase dun obriga legal e implica a dotación de 120 unidades de 120 litros, unha frecuencia de recollida de 3 a 6 veces por semana, dependendo da tempada, e un camión co persoal necesario", detallou Deza.
CRÍTICAS DEL BNG
O voceiro do BNG, Fran Leiro, denunciou as "enormes deficiencias" que presenta este servizo de recollida de residuos fóra dos núcleos urbanos, as cales motivan que a prestación resulte "frustrante" e obrigue ás persoas a "coller o coche para poderen usar os contedores axeitados"
O Bloque criticou que "desde o inicio do seu mandato, a política do señor Martín estase a traducir en constantes subas de impostos".
Fran Leiro sinalou que é "preocupante"o estado no que se encontran os composteiros comunitarios xa que "están totalmente abandonados, é unha vergoña", polo que reprochou ao alcalde, Telmo Martín, a súa falta de interese á hora de instruír á veciñanza no seu uso, a pesar das evidentes vantaxes económicas e medioambientais que suporía a súa utilización de xeito regular.