O goberno local de Poio volveu a denunciar o atraso de Portos de Galicia en levar a cabo a "moi necesaria" reforma dos peiraos de Raxó e Covelo, proxectadas por convenio desde o 2009.
Este martes, en rolda de prensa, os responsables do goberno municipal (BNG+PSOE) criticaron a "obcecación" da Xunta e non dubidaron en cualificar de "chantaxe" que se supediten estas reformas portuarias a que o Concello sinale unha localización para a construción da estación de depuración de augas residuais (EDAR) para a zona de Raxó e Samieira.
Para o bipartito a zona de Pampaído, no municipio de Sanxenxo, segue sendo a máis adecuada para construír a depuradora, rexeitando outras opcións por motivos técnicos, paisaxísticos ou polo conflito social que xeran.
O alcalde, Luciano Sobral, fala abertamente de "un complot, unha especie de vendetta do Partido Popular de Poio e a Xunta de Galicia" que "están a tentar boicotear as obras" ao vincular a reforma dos portos de Raxó e Covelo coa nova EDAR.
O goberno local afirma que non foi posible concertar unha reunión co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, para desbloquear este conflito. Din estar dispostos a pagar con fondos municipais algunhas melloras no proxecto da Xunta.
Finalmente o goberno local espera poder trasladar todas estas explicacións aos colectivos locais implicados para presionar todos xuntos á Xunta.