O goberno local cre que o PP de Pontevedra debería "aplaudir" o acordo de investidura do BNG e o PSOE

Pontevedra
07 de xaneiro 2020

"Eu o que lle pido ao Partido Popular é mesura, que discuta, que aplauda este acordo que, eu creo, é beneficioso para a cidade de Pontevedra", dixo a portavoz municipal, Anabel Gulías

Adriana Lastra e Ana Pontón asinan un acordo de investidura
Adriana Lastra e Ana Pontón asinan un acordo de investidura / PSOE / Eva Ercolanese

A portavoz do goberno local do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, cre que o Partido Popular da cidade debería "aplaudir" o acordo alcanzado polo BNG co PSOE para facilitar a investidura do candidato socialista, Pedro Sánchez.

Sobre a crispación que se vive no panorama político nacional, Anabel Gulías considera que o PP de Pontevedra "estaba crispado desde antes da sesión de investidura" e citou como exemplo que os edís populares "trasladaban ao ámbito local problemas mesmo de índole internacional e cuestións, que eu creo, que quedan afastadas ao Pleno de Pontevedra" e nas que, segundo dixo, non ten ningunha competencia directa como para pronunciarse.

"Eu o que lle pido ao Partido Popular é mesura, que discuta, que aplauda este acordo que, eu creo, é beneficioso para a cidade de Pontevedra", dixo.

A portavoz municipal recomendou "deixar de lado as cuestións máis sectarias e aplaudir cousas que son boas para a cidade".

Anabel Gulías tamén animou aos concelleiros do PP a "que sigan reivindicando cuestións que teñan que ver coa cidade" e tamén "que abandonen ese ton de crispación que adoitan mostrar nos plenos" xa que ten a convicción de que esa actitude "non conduce absolutamente a nada".