A segunda reunión da mesa de traballo polo futuro de Ence pechouse este venres sen grandes avances. A empresa e a Xunta insisten en que non é posible atopar unha localización alternativa a Lourizán, mentres que o Goberno móstrase convencido que entre as máis de 400 posibles localizacións propostas pola empresa haberá algunha que sexa "apta" para o traslado.
Todas as partes acordaron conceder un prazo de 15 días para estudar o informe coas posibles futuras localizacións da planta e volver reunirse a finais de mes para seguir buscando solucións. Un acordo alcanzado, e que satisfai aos traballadores, é o compromiso de manter a actividade industrial en Lourizán mentres non se constrúa a nova fábrica pero a condición de que exista un proxecto firme para o traslado da pasteira.
Goberno, Xunta, Concello, representantes dos traballadores e da empresa reuníronse este venres nunha sala da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para analizar posibles solucións ao conflito de Ence. O encontro, que comezou ao redor das 11 horas, prolongouse durante máis de dúas horas, mentres no exterior máis dun centenar de operarios da fábrica e de empresas auxiliares presionaban con petardos, cánticos e pancartas ás autoridades para atopar unha solución que salve todos os postos de traballo que dependen da planta de Lourizán.
Ao finalizar a reunión, o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, mostrouse convencido da viabilidade do traslado de Ence a outro lugar dentro de Galicia. "No es posible que en todo el suelo de Galicia no haya una parcela apta para la ubicación de una pastera fuera del dominio público marítimo terrestre. Alternativas hay, otra cosa es que se quieran encontrar", puntualizou o mandatario, quen deixou moi claro que a empresa terá que abandonar Lourizán se así o ratifica o Supremo.
"Conviene eliminar cualquier esperanza de que sea viable encontrar una vía administrativa que permitiese salvar la ejecución de la sentencia. Hay sentencias del Constitucional que dejan claro que con una modificación legislativa no es posible burlar la ejecución de una sentencia firme", puntualiza o secretario. Con todo, a empresa xa anunciou que presentará un recurso de casación ante o Tribunal Supremo para tombar o ditame da Audiencia Nacional que obriga á empresa para abandonar os terreos de Lourizán.
Se a Xustiza obriga a pechar a fábrica da ría e todas as partes comprométense a trasladar a planta a outra localización en Galicia, Morán asegura que "el Gobierno acompañará a la empresa en ese proceso a la reubicación", dixo facendo referencia a posibles subvencións para incorporar procesos de innovación na nova planta.
Menos optimista mostrouse o director territorial de Ence en Galicia, Antonio Casal. "Senón se atopa unha solución xurídica ou administrativa para que Ence poida seguir producindo en Lourizán, moito me temo que a única solución será o peche", asegurou. Un discurso similar ao mantido polo conselleiro de Industria, Francisco Conde, quen responsabiliza ao Goberno da actual situación de "bloqueo"na que se atopa a situación e pide a "implicación" do executivo central e do Concello de Pontevedra para outorgar "seguridade xurídica" ao complexo industrial no que se asenta Ence.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, defendeu pola súa banda o dereito dos cidadáns para "recuperar a súa ría", algo que pasa "inevitablemente" polo cambio de localización da factoría pasteira e polo estudo de "sitios alternativos" para o seu novo emprazamento.
As propostas que puxeron sobre a mesa, como adscribir a fábrica de Ence ao porto de Marín ou modificar a cualificación dos terreos para seguir producindo, "son inviables", segundo Fernández Lores, que dubidou que Ence "teña interese en seguir producindo en Galicia". No caso de que exista un "proxecto alternativo en firme", engadiu o alcalde, se a sentenza da Audiencia Nacional adquire firmeza se o Supremo rexeita os recursos "pódese dar un prazo prudencial para seguir producindo mentres non se pode producir nun novo lugar", un acordo que foi recibido con satisfacción polos representantes dos traballadores, Toño Lafuente e Ana Cedeira.
Nun prazo dunhas tres semanas, a mesa de traballo volverá reunirse co obxectivo de tratar propostas concretas para o traslado da planta. Mentres tanto, a empresa ultima a presentación do recurso de casación ante o Tribunal Supremo, única vía para conseguir a permanencia de Ence en Lourizán.