O Goberno avanza na tramitación da A-57. O Boletín Oficial do Estado publicou este venres os resultados do estudo de impacto ambiental do segundo tramo desta autovía, o que unirá os núcleos da Ermida (Marcón) e Pilarteiros (Xeve).
Faio ademais decantándose por unha das dúas alternativas propostas, un trazado de cinco quilómetros para o que se estima un investimento duns 100 millóns de euros.
Os promotores do proxecto apostan por executar a coñecida como alternativa 1, que só afectaría ao termo municipal de Pontevedra. Sería, segundo o estudo ambiental, a que presenta "menos efectos negativos" desde o punto de vista ambiental, económico, territorial e funcional.
Os núcleos de poboación directa ou indirectamente afectados serían A Cardosa, Corval, O Teso, Leirados, A Ermida, Pilarteiros, Xamín, O Quinteiro, As Pontes e Carabelos.
O vial conectará ao sur co tramo da A-57 Vilaboa-A Ermida e ao norte co tramo Pilarteiros-Curro. Inclúe tres enlaces: o da Ermida coa estrada autonómica PO-532, o intermedio coa estrada N-541 e o de Pilarteiros coa estrada autonómica PO-223.
Estará deseñada para velocidades de 100 km/h, cun ancho de calzada de entre 7 e 10,5 metros, asociado este último a tramos con carril adicional, e mediana de 3 metros de ancho.
Entre as súas principais vantaxes, destacan a súa maior proximidade á traza urbana de Pontevedra na ligazón coa N-541, o que ao seu xuízo "permite captar maiores tráficos para realizar movementos periurbanos"; e ademais, estaría xa contemplada no PXOM actual.
Ademais, sostén que ten un trazado de menor lonxitude, presenta un menor impacto visual sobre o territorio e fai que os tres viadutos previstos, sobre o Rego de Cardosa, sobre o Rego de Xanín e sobre o río Lérez -este último de 735 metros-, sexan menos complexos.
Estes viadutos habilitaríanse "para salvar depresións do terreo e facilitar a integración paisaxística, así como para minimizar a afección a edificacións".
Pero o estudo aprecia tamén certos inconvenientes na execución desta alternativa, entre elas que supoñería unha maior afección ao patrimonio cultural e ás edificacións próximas.
A este respecto, a coordinadora veciñal de Bora rexeitaba nas súas alegacións o trazado que agora propón o Goberno, ao entender que xerará un "efecto barreira" na parroquia e un nivel de ruído elevado. Por iso é polo que reclamasen unha solución afastada dos núcleos habitados.
Tamén mostraron o seu rexeitamento os comuneiros de Santo André de Xeve, Bora e Mourente, alertando de posibles impactos sobre as súas actividades forestais; ou Patrimonio da Xunta pola proximidade a dous xacementos arqueolóxicos, as mámoas de Monte Barburiña.