O secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, explicaba este venres na mesa de diálogo sobre Ence que a opción de adscribir a fábrica pasteira de Lourizán ao Porto de Marín é inviable. Para esta afirmación baséase no informe solicitado polo Concello de Pontevedra no ano 2005 e que tomou como vinculante a Avogacía do Estado ao retirarse no procedemento dos recursos presentados na Audiencia Nacional pola prórroga concedida polo Goberno de Mariano Rajoy en 2016. Afirma que, se se converte en firme a sentenza da Audiencia Nacional, utilizar esa opción sería unha fraude de lei para eludir unha decisión xudicial.
Esta posición non provoca, con todo, un cambio na Xunta de Galicia. Luís López, delegado territorial que acudía co director xeral da Axencia Galega de Industrias Forestais en representación do goberno galego a esta terceira mesa de diálogo na Subdelegación do Goberno, manifestaba que a administración autonómica preguntará ao Consello Consultivo as posibilidades xurídicas para que os terreos de Ence se adscriban ao Porto.
O representante do goberno autonómico afirmou que, segundo a empresa e a Xunta, só cabe a localización en Lourizán e, por este motivo, seguirán traballando nesta alternativa co obxectivo de manter os postos de traballo. Entenden que o informe solicitado polo Concello hai 16 anos puido quedar sen vixencia no momento actual.
Os integrantes da mesa de diálogo solicitaron ao representante do Goberno central que realice un informe para estudar as alternativas posibles para a localización da empresa pasteira en Galicia. Hugo Morán confirmou que se realizará de maneira inmediata aínda que o Estado non teña competencia en materia de ordenación do territorio. Neste sentido, sinalou que os representantes do comité e a dirección da empresa manterán un encontro para analizar os informes que manexan para rexeitar a creación da fábrica noutro punto de Galicia.
Tamén está previsto que se produza un encontro a finais deste mes entre o secretario de Estado de Medio Ambiente co presidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, para estudar as alternativas que se presentan ante a afirmación por parte da empresa de querer seguir producindo e investindo en Galicia. Morán asegurou que o Estado se compromete a acompañar con financiamento un proxecto alternativo que conte con compoñentes de innovación.
A empresa, tal e como manifestou ao remate da reunión Antonio Casal, representante de Ence, estudou catrocentas localizacións e, en concreto, sete finalistas a través dun informe externo e descartou calquera outra opción para a fábrica pasteira que non sexa Lourizán. Casal afirmou que ata o día de hoxe ninguén presentou unha opción viable e todo o que se expoñen son especulacións. Recoñeceu que o obxectivo da empresa é permanecer na ría de Pontevedra e por iso presentaron o recurso de casación ante o Tribunal Supremo á espera dunha resolución favorable que lles permita manter a prórroga.
O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores insistiu en que o Concello "quere recuperar a ría" e en que a empresa sabía que tiña que abandonar esa localización en 2018 e que o propio Alberto Núñez Feijóo manifestouse neste sentido ata que en 2012 "cambiou de posición".
Pola súa banda, Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa de oficinas centrais, mostrou a súa frustración con esta nova reunión e a negativa por parte do Goberno central a aceptar o estudo da adscrición dos terreos á Autoridade Portuaria. Antonio Lafuente, presidente do comité de empresa de fábrica, sinalaba que queren buscar algunha alternativa no caso de que o Tribunal Supremo obrigue ao peche para garantir o futuro laboral dos traballadores da fábrica. Nesa liña manterán unha reunión coa empresa para estudar o informe coas posibles alternativas descartadas. Por último, Antonio Taboada, representante do sector forestal, loxístico e transporte tamén afirmaba que non se produciron avances e defendía a postura da empresa ao insistir en que a única opción pasa por manterse en Lourizán.