O Goberno anuncia a construción dun paso superior na N-550 para mellorar a mobilidade da veciñanza de Vilaboa

Vilaboa
26 de novembro 2022

O delegado do Goberno en Galicia compromete a construción deste paso elevado, unha petición que fora realizada polo alcalde ao Goberno para mellorar o tránsito rodado e peatonal da veciñanza, e que terá un orzamento estimado de 400.000 euros

César Poza e José Miñones
César Poza e José Miñones / Delegación do Goberno en Galicia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reuniuse co alcalde de Vilaboa, César Poza, para trasladarlle o compromiso do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de construír un paso superior na estrada N-550. Esta foi unha demanda formulada polo rexedor ao Goberno para mellorar o tránsito rodado e peatonal da veciñanza no contexto das obras da A-57.

José Miñones expresou "o compromiso firme do Goberno de construír o demandado paso a nivel na intersección da N-550 coa A-57 co obxectivo de favorecer a mobilidade entre os barrios de Carballal e O Toural". 

Para tal fin, o delegado do Goberno anunciou que Ministerio de Transportes ten comprometido xa un orzamento estimado de 400.000 euros. "A obra permitirá o paso de vehículos agrícolas, así como o tránsito de peóns e ciclistas por este punto", explicou.

Durante o seu encontro, José Miñones abordou tamén xunto a César Poza o estado das obras da A-57 ao seu paso pola localidade. A obra, neste primeiro tramo de 5,7 km, está completada case ao 80 %, cun gasto executado de 50 millóns de euros dos 65 millóns presupostados.

OUTROS INVESTIMENTOS NO MUNICIPIO

Entre as outras inversións que o Executivo está a levar a cabo na localidade, o alcalde e o delegado abordaron o estado do Programa Único do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que ao abeiro do Plan de Recuperación fará posible que a finais de 2024, 61 novas familias e empresas de 24 zonas de concello de Vilaboa conten cun acceso a internet de banda ancha ultrarrápida.

 

Arquivado en