Máis de cincuenta voluntarios participaron nunha nova xornada de limpeza de lixo mariño nas inmediacións do illote Guidoiro Areoso, na Illa de Arousa.
Convocados por Afundación, en colaboración coa confraría de pescadores, o club subacuático Pérez-Sub e o Concello, conseguiron retirar 1.150 quilos dos fondos mariños.
Pasadas as nove da mañá, as 14 embarcacións que tomaron parte na expedición, partiron do porto do Xufre en dirección a Areoso, onde unha hora máis tarde comezaron as inmersións para retirar os residuos dos seus fondos.
Nasas, restos de cabos e cordas de diferentes grosores, conxuntos de redes enmarañadas e outros apeiros extraviados durante a actividade pesqueira, foron os obxectos retirados en maior medida dos fondos que circundan o illote arousán.
O equipo mixto integrado polos navalleiros da confraría de pescadores e por submarinistas deportistas do club Pérez-Sub atopou así mesmo nos fondos, varios pneumáticos, botellas de plástico e vidro, máscaras, un prato de plástico, un zapato ou un xersei.
A estes traballos prestaron apoio, desde as diferentes embarcacións, o resto dos voluntarios, así como efectivos da Federación Galega de Actividades Subacuáticas (FEGAS), de Protección Civil de Vilanova de Arousa e do SEMAR, o Servizo Marítimo da Garda Civil.
Con todo o lixo recollido subido aos barcos, e antes de poñer fin á xornada, esta foi transportada ata o porto do Xufre, onde os voluntarios procederon á súa clasificación e pesada antes de preparala para a súa posterior xestión.
Cos quilos recollidos nesta nova xornada de limpeza, co programa Plancton impulsado por Abanca e Afundación conseguíronse retirar xa case 20 toneladas de residuos de diferentes praias e fondos mariños de Galicia.