Pontevedra acolle desde este martes 27 e ata o venres 30 a cuarta edición da Placemaking Week Europe, o festival máis grande de Europa sobre desenvolvemento urbano e transformación do espazo público que recolle a remuda de Ámsterdam, Estocolmo e Valencia.
Máis de 400 profesionais de 41 países de todo o mundo participan nesta iniciativa dirixida a compartir coñecemento, aprender doutras experiencias e tecer redes que axuden a mellorar a calidade de vida das nosas cidades.
Durante catro xornadas, os 'placemakers' escoitarán charlas inspiradoras, compartirán boas prácticas, adquirirán novos coñecementos en talleres interactivos, acelerarán novos proxectos e valeranse das achegas do placemaking para a creación de mellores cidades. O programa abrangue máis dun centenar de actividades entre as que se atopan máis de 80 talleres, paneis, visitas, exposicións, intervencións ou presentacións, 21 conferencias maxistrais e a participación de máis de 70 relatores de diferentes países.
Ademais, dedicarán unha parte do programa a aprender e traballar con retos locais na cidade de Pontevedra, probando, adaptando e implementado ferramentas de placemaking para un uso futuro. E todo iso en torno a catro eixos temáticos: Economía creativa e da innovación; Burocracia creativa; Placemaking verde e azul; e Desenvolvemento a escala humana para espazos públicos prósperos e resilientes.
As sesións realizaranse no Teatro Principal, a praza do Teucro, Santa Clara, Casa das Campás e avenida de Santa María.
Toda a información sobre o programa e o evento pode consultarse na web placemaking-europe.eu. O festival conta con actividades abertas e de libre acceso ao público en xeral, que son as desenvolvidadas no Teucro e na avenida de Santa María.
O pano levantouse esta tarde de martes no Teatro Principal coas verbas de apertura do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Baixo o título "A historia de Pontevedra: que nos trouxo aquí?", contou a transformación vivida na Boa Vila durante os últimos anos ata converterse nun referente mundial.
O mandatario centrouse máis nas cuestións teóricas e prácticas que levaron á transformación da capital das Rías Baixas e dos bos resultados colleitados que en debullar polo miúdo todas e cada unha das transformación. "Hai que querer pero tamén saber como facelo", concluiu o dirixente a súa charla.
Estivo acompañado por Ramon Marrades, economista urbano e director de Placemaking Europe; Hans Karssenberg, fundador de STIPO, socio fundador e membro do consello de administración de Placemaking Europe; Vivian Doumpa, urbanista e xeógrafa, integrante de STIPO Grecia e membro do consello de administración de Placemaking Europe; e José Chong, especialista en Desenvolvemento Urbano e Cooperación Internacional e oficial de xestión de programas en ONU-Habitat.
No seu discurso, o rexedor tentou ofrecer "unha panorámica desta transformación de Pontevedra, sendo consciente de que ningún coñecemento teórico pode substituír ao coñecemento directo, á vivencia do espazo público e da textura dunha cidade, ao contacto físico, sensorial e cognitivo coa realidade. Por fortuna, gran parte de vós xa tedes esas vivencias".
Lores sinalou as diferentes fontes de información que inspiraron o modelo. "Temos visitado e intercambiado experiencias con varios centos de cidades, tanto do estado español, como exteriores, de USA, México, Brasil, Bélxica, Francia, Alemaña, Austria, Albania, Suíza, Italia, Portugal, China, Xapón, Corea do Sur, Emiratos Árabes ou Suecia", lembrou.
"Se algo temos aprendido en Pontevedra, é que resulta imprescindible seguir, analizar e aprender de todas as ideas, de todas as propostas e de todas as experiencias existentes en calquera parte do mundo. Pero non para copiar solucións senón para seleccionar as que mellor se poden adaptar a nosa cidade e para aprender dos erros en cabeza allea", subliñou.
Para o alcalde "non hai atallos nin solucións simples ou simplistas" que proporcione "efectos máxicos" sobre as cidades, sinalado que este tipo de medidas, que poden resultar "efectistas" a curto prazo, "se van illadas poden chegar a ser contraproducentes", ao correr o risco de converter os espazos públicos "en complexos, confusos e disfuncionais, cando non xeradores de conflitos".
Para ter éxito, engadiu, o proxecto debe ser integral e ter como obxectivo "devolver a cidade aos cidadáns, sen exclusións". Isto debe facerse, sostivo, en toda a cidade "non só unha zona central, unha praza, un parque ou unha zona de xogos".
Pontevedra fíxoo, resumiu Fernández Lores, con medidas como a peonalización de amplas zonas da cidade, reurbanizando o espazo público "cunha alta calidade" ou avanzando cara á accesibilidade universal de todos os ámbitos da cidade.
A redución legal -a 30 km/h ou menos- e física da velocidade -instalando glorietas ou redutores físicos-, a reordenación dos aparcamentos e a creación de áreas disuasorias ou, recentemente, a plantación de árbores e a aposta pola compostaxe son outras das claves.
Todo iso, segundo o rexedor, pensado para favorecer o uso e a estancia dos cidadáns no espazo público.
"Para ter éxito nun proceso de transformación urbana hai que querer e saber. Querer mellorar a cidade e saber como mellorala. Saber que facer para mellorala e saber como facelo", sentenciou.
Despois de repasar o caso pontevedrés, o evento seguiu con expertos en urbanismo guiando ao público asistente a través de preguntas chave sobre como crear xuntos, durante os próximos tres días, mellores urbes. Cada un presentou o seu punto de vista sobre as cuestións máis urxentes a abordar cando toque falar do futuro das cidades.