O Estado reserva 28 millóns para a A-57 e o paseo a Marín e 'esquece' o nó de Bombeiros

Pontevedra
14 de xaneiro 2019

A autovía A-57, un ano máis, monopoliza os investimentos previstos polo Estado en Pontevedra. Os orzamentos xerais, presentados este luns polo Goberno de Pedro Sánchez, volven situar esta infraestrutura como a súa principal aposta para a Boa Vila. En 2019, destinaranse 25.6 millóns de euros a esta obra

Presentación dos orzamentos xerais do Estado para 2019
Presentación dos orzamentos xerais do Estado para 2019 / Ministerio de Hacienda

A autovía A-57, un ano máis, monopoliza os investimentos previstos polo Estado en Pontevedra. Os orzamentos xerais, presentados este luns polo Goberno de Pedro Sánchez, volven situar esta infraestrutura como a súa principal aposta para a Boa Vila. En 2019, destinaranse 25.6 millóns de euros a esta obra.

Practicamente todo o diñeiro -25.2 millóns- será para pagar as obras do primeiro tramo da A-57, entre Vilaboa e A Ermida, actualmente en construción. Os orzamentos reservan ademais outros 29 millóns para completar a autovía nos anos 2020 e 2021.

A eles súmanse os 100.000 euros que, respectivamente, aparecen para os tramos A Ermida- Pilarteiros, cuxos dous trazados alternativos atópanse en fase de exposición pública; e para o tramo entre Pilarteiros e Curro (Barro) e a conexión coa AP-9.

Tras esta actuación de Fomento, a outra gran actuación do Estado en Pontevedra será o paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín. Para el, o Ministerio de Transición Ecolóxica reserva 2 millóns de euros para 2019, que se suman ao medio millón do pasado ano.

O aspecto máis decepcionante para a cidade do Lérez, sen ningunha dúbida, é que o Executivo de Pedro Sánchez deixa case a cero a partida para executar a remodelación do coñecido como nó de Bombeiros e o acceso norte á autoestrada AP-9.

O Goberno de Rajoy, que nas contas de 2018 destinou un millón a esta remodelación, deixara reservados 6 millóns para executar a obra ao longo deste ano. Co cambio na Moncloa, con todo, sumado ao atraso na tramitación administrativa que acumula este proxecto, ese diñeiro reduciuse a apenas 100.000 euros.

Os PGE 2019 destinan tamén 1.14 millóns de euros para o convenio entre Fomento e a Deputación para a posta en valor de 18 xacementos galaico-romanos na provincia, aos que se destinarán case tres millóns máis ata 2022.

Tamén se recollen 200.000 euros para a remodelación da praza de abastos e da lonxa vella de Cambados, reservando máis de 2 millóns de euros para os dous próximos exercicios. A eles súmanse partidas xenéricas para melloras nos cuarteis da Garda Civil da provincia ou proxectos de rexeneración de zonas de costa degradadas.

Arquivado en