O espírito 'placemaking' invadirá Pontevedra con máis de 400 expertos en deseño urbano

Pontevedra
19 de setembro 2022

Máis de 400 expertos en deseño urbano, arquitectura ou urbanismo están xa a preparar as maletas para viaxar ata Pontevedra para participar no congreso Placemaking Week Europe, que a cidade acollerá entre os días 27 e 30 de setembro para compartir experiencias e buscar solucións creativas e participativas para deseñar as cidades do futuro

Presentación da Placemaking Week Europe
Presentación da Placemaking Week Europe / Mónica Patxot

Máis de 400 expertos en deseño urbano, arquitectura ou urbanismo están xa a preparar as maletas para viaxar ata Pontevedra para participar no congreso Placemaking Week Europe, que a cidade acollerá entre os días 27 e 30 de setembro.

Todos eles xuntaranse na Boa Vila para compartir experiencias e buscar solucións creativas e participativas para deseñar as cidades do futuro.

Será con múltiples actividades en Santa Clara, o Teatro Principal, a Praza do Teucro, a avenida de Santa María, a Casa das Campás e o Museo de Pontevedra, segundo explicaron este luns o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil de Promoción da cidade, Anabel Gulías.

Durante estes catro días de "traballo intenso", apuntou o alcalde, os participantes participarán en conferencias maxistrais, exposicións de paneis, presentacións, obradoiros, grupos de discusión, xogos ou encontros nas rúas para debater arredor da súa visión sobre o futuro das cidades.

"Temos un interese moi grande de que a xente de Europa nos acheguen cosas e nós aprender deles e deles de nós, dun modelo multipremiado e que está noa boca de todo o mundo", subliñou Fernández Lores.

Entre os setenta relatores internacionais que explicarán as súas experiencias figuran responsables públicos e privados de planificación urbana, activistas e profesionais que orixinaron movementos innovadores ou investigadores en materia de cidades saudables.

Algúns deles serán Anuela Ristani, tenente de alcalde de Tirana (Albania); Marion Waller, urbanista e asesora da alcaldesa de París; Cecilia Fredriksson, urbanista no municipio sueco de Helsingborg; José Chong, oficial de xestión de programas en ONU-Hábitat; ou o británico Charles Landry, asesor internacional en materia de cidades creativas.

Tamén estarán os arquitectos Steve Davies, David Partridge, David Sim, Demetrio Scopelliti, Giselle Sebag e Jan Kattein; o activista francés Patrick Bernard; as consultoras Carmen Mays, Cecilia Vaca Jones e Jia Ping Lee; a axente cultural neerlandesa Marjorie van der Windt-Veit, o urbanista Johannes Riegler ou a investigadora polaca Magdalena Kubecka.

O programa do eventopódese consultar na súa propia páxina web.

Ademais, a Placemaking Week Europe dedicará unha parte do programa a aprender e traballar con retos locais na cidade de Pontevedra, actuando sobre a economía creativa e a innovación, a burocracia creativa, as áreas verdes ou a busca de espazos públicos prósperos e resilientes.

Será o venres 30 cando, tras un bloque matutino de sesións maxistrais sobre experiencias locais e sesións de traballo en grupo, como presentacións, talleres e actividades ao aire libre, os participantes asistirán ás visitas de campo sobre estes catro temas diferentes, que inclúen unha visita ao terreo e diversos talleres de colaboración sobre retos locais.

De acordo coa organización do congreso, os temas que se abordarán serán os usos do espazo público de Santa Clara e a súa integración coa cidade, a recuperación da enseada de Lourizán, a zona da Moureira e O Gafos e o tratamento das zonas verdes, especialmente a Xunqueira de Alba.

Arquivado en