O emisario submarino irá soterrado, tal e como pediron as mariscadoras

Pontevedra
12 de xaneiro 2019

Nas últimas reunións mantidas na Mesa de seguimento dos avances no saneamento da ría de Pontevedra, os representantes das mariscadoras manifestaron a súa preocupación polas posibles afeccións do novo emisario submarino durante a súa construción

Mariscadoras fronte a fábrica de Ence en Lourizán
Mariscadoras fronte a fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

Nas últimas reunións mantidas na Mesa de seguimento dos avances no saneamento da ría de Pontevedra, os representantes das mariscadoras manifestaron a súa preocupación polas posibles afeccións do novo emisario submarino durante a súa construción.

O anteproxecto redactado prevé a execución dun emisario duns 3.614 metros, con distintos tramos: un primeiro tramo en hinca (túnel), duns 175 metros de lonxitude; un segundo tramo con escavación en gabia duns 605 metros de lonxitude; un terceiro tramo apoiado no fondo mariño, de 2.230 metros de lonxitude; e un último tramo difusor de 604 metros de lonxitude.

A principal inquietude do sector marisqueiro referíase aos dous primeiros tramos, xa que son os máis próximos ao banco marisqueiro de Praceres. Neste sentido, as confrarías teñen solicitado alongar o tramo en hinca e reducir o tramo con escavación en gabia. A posibilidade de levar a cabo esta opción está moi condicionada polo tipo de terreo que habería que perforar e polas limitacións tecnolóxicas, xa que o novo tramo en túnel sería en curva, moito máis complexo de executar que o previsto inicialmente no anteproxecto, que era totalmente recto.

Co fin de poder analizar as características do terreo houbo que contratar un estudio xeotécnico de moito detalle, que se rematou nesta última semana. A conclusión do mesmo é que, desde este punto de vista, parece viable alongar o tramo en túnel uns 200 metros máis, co fin de reducir ao máximo as posibles afeccións aos bancos marisqueiros.

Na imaxe que se xunta pasaríase de rematar o túnel no tramo que se denomina "Fin túnel propuesta 1" a rematar no punto denominado "Fin túnel propuesta 2".

No proceso de licitación da obra do emisario estableceranse todas as garantías necesarias para que a empresa adxudicataria dispoña das tecnoloxías precisas para poder executar este tramo de túnel en curva.

 

Arquivado en