Do 18 ao 20 de novembro a Deputación de Pontevedra viaxará ata Valladolid para promocionar a ampla oferta do destino Rías Baixas na Feira Internacional de Turismo do Interior (INTUR).
O obxectivo principal da participación da institución neste evento é captar visitantes interesados no enoturismo, nas escapadas familiares, nas camelias, na programación de actividades na provincia durante o Nadal e nos castelos, eixos nos que a Deputación centrará a súa actividade promocional nun vangardista stand que servirá, tamén, para darlle visibilidade á marca.
O stand da Deputación estará situado nun espazo privilexiado, ocupando unha superficie de 35 metros cadrados da feira. Contará cunha zona de información sobre o destino e a campaña "Love Rías Baixas", así como con espazos para presentar os materiais promocionais coa oferta turística da provincia.
Coa participación da Deputación en INTUR estase a seguir dando pasos no marco do Plan Estratéxico de Turismo que inclúe a presenza no circuíto de feiras e certames turísticos como elementos para impulsar a promoción do destino, sobre todo en mercados prioritarios como é o caso de Castela e León.
INTUR, que este ano celebra a súa vixésima quinta edición, trátase dun evento centrado na cultura, na natureza e na gastronomía, orientada ao público finalista de perfil local, tanto de Valladolid como das provincias limítrofes, de interese para o destino Rías Baixas.