Nin unha incineradora nin un vertedoiro de lixo. A Canicouva non se converterá na "Sogama do sur", reiteran dende o Concello de Pontevedra. O concelleiro César Mosquera anunciou este xoves que o contrato que asinará a comunidade de montes da parroquia co goberno municipal só capacitará aos impulsores deste proxecto a situar nos terreos unha planta de compost, prohibindo expresamente calquera outra opción.
Este acordo legal, que asinarán nos próximos días Miguel Anxo Fernández Lores e Jose Luis Parada -este último como representante legal dos comuneiros da Canicouva-, recolle que a comunidade de montes cederá ao Concello 100.000 metros cadrados de monte comunal no lugar coñecido como Rega do Loureiro. A cesión asínase por un espazo de 30 anos, aínda que transcorrido este espazo podería ser indefinida "se se manteñen os fins da cesión".
Os comuneiros recibirán a cambio desta cesión un canon fixo anual de 2.000 euros por cada hectárea cedida e un canon variable de 0,40 euros por cada tonelada métrica de residuos procesados, excluído desa cifra todo o estruturante vexetal necesario para a fabricación do compost. Estas cantidades serán actualizadas cada ano co IPC correspondente e en caso de que este sexa negativo, manterase o canon do ano anterior.
Todo este diñeiro que recibirá A Canicouva grazas a este acordo terán que destinalo obrigatoriamente á mellora do monte da parroquia ou ao investimento en obras e servizos que sexan de interese xeral para toda a comunidade de veciños propietarios. Exclúese a posibilidade de que se poida repartir entre os comuneiros.
En virtude deste contrato, o Concello -que estará facultado para ceder os seus dereitos á Deputación, a unha mancomunidade ou un consorcio- deberá construír a planta nun espazo máximo de catro anos e garantir mediante os medios técnicos que sexan necesarios que estas instalacións "non provoquen molestias, contaminación e perigo para o medio ambiente, o monte ou as persoas".
En particular, deberá ter coidado cos mananciais de auga e con evitar o paso de camións polo núcleo da Canicouva. Ademais, deberá encargarse do mantemento e conservación das quince hectáreas do monte comunal que, de forma rotatoria, se poñerán a disposición dos xestores da planta para obter del o material estruturante co que elaborar o compost.
Para vixiar o cumprimento deste contrato, constituirase unha comisión formada pola comunidade de montes e o Concello de Pontevedra, á que se sumarán os futuros xestores da planta, e que deberá reunirse cada seis meses ou cando o solicite algunha das partes.
NOVA CHARLA TÿCNICA
César Mosquera tamén informou da celebración dunha nova charla técnica sobre a compostaxe, que terá lugar o mércores 11 de marzo, a partir das 20.15 horas, no Teatro Principal. Estará impartida por Marta Domínguez, xerente do complexo ambiental de Lousame e por Alfonso del Val, segundo o edil do BNG "seguramente" a maior autoridade do noso país na compostaxe.