O Consello Parroquial de Alba coñece a proposta do Concello para a Variante

Pontevedra
11 de xuño 2021

A veciñanza de Alba coñeceu este xoves de primeira man a proposta do Concello de Pontevedra para a Variante de Alba. Foi no marco do Consello Parroquial da man do concelleiro de Obras e Transporte, Demetrio Gómez, e da concelleira da parroquia, Pilar Comesaña

Reunión do Consello Parroquial de Alba
Reunión do Consello Parroquial de Alba / Concello de Pontevedra

A veciñanza de Alba coñeceu este xoves de primeira man a proposta do Concello de Pontevedra para a Variante de Alba. Foi no marco do Consello Parroquial da man do concelleiro de Obras e Transporte, Demetrio Gómez, e da concelleira da parroquia, Pilar Comesaña.

Os concelleiros fixeron á poboación presente unha exposición ampla de todos os aspectos relevantes do proxecto e, segundo indicou o Concello a través dun comunicado, o Consello Parroquial "manifestou o seu acordo a prol da proposta municipal".

Os puntos do proxecto que máis interese suscitaron entre a veciñanza foron a forma de eliminar o efecto barreira da futura vía para minimizar o seu impacto para a parroquia, a limitación da velocidade de circulación, que sexa útil tamén para os veciños e veciñas da área, que non limite os accesos ás fincas e propiedades e que asegure a conexión con Lérez e co centro de saúde.

Segundo explicou o Concello, os veciños e veciñas presentes na reunión "valoraron positivamente as solucións" que a proposta do Concello ofrece para todos estes puntos. Con todo, nos últimos días, a Asociación de Veciños de Santo Paio de San Pedro de Campañó mostrou a súa oposición a un proxecto ao que se refiren como "mal chamada variante de Alba". Esta é a súa postura.

O Concello propón a creación dunha vía con características urbanas, isto é, unha rúa apegada ao terreo con dous carrís de circulación (un en cada sentido), con elementos de calmado do tráfico, senda peonil e ciclista, pasos sobreelevados e iluminación. Esta proposta implica eliminar as características de autoestrada (que era a proposta da Xunta) e convertela nunha rúa con tráfico calmado, con cabida para a mobilidade peonil e ben alumeada.

Trátase dunha proposta dunha rúa duns 800 metros cun carril en cada sentido, con beirarrúas de 2,8 metros de ancho, e unha plataforma total de 4,20 metros.

Os cruzamentos resólvense con catro rotondas para calmar o tráfico e manter os circuítos peonís. Leva 8 elementos de calmado de tráfico (lombos), con limitación da velocidade a 30km/h, e 6 lombos nas vías perimetrais. O proxecto tamén propón a instalación de alumeado e recolle a construción dun viaduto para salvar o trazado do ferrocarril, da autoestrada e a vía de servizo da autoestrada na parte máis boscosa da parroquia de Lérez.

Arquivado en