O Consello da Xunta autoriza a licitación das obras de mellora da depuradora de Praceres con 16,5 millóns

Pontevedra
21 de marzo 2019

Segundo a Xunta, esta reforma tecnolóxica permitirá mellorar a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa coa intención de manterse nos límites de vertedura marcados pola normativa europea

EDAR de Os Praceres
EDAR de Os Praceres

16,5 millóns de euros é o orzamento que destina a Xunta de Galicia á licitación das obras de mellora do proceso de depuración da estación depuradora de augas residuais (EDAR) en Praceres. O Consello da Xunta autorizaba este xoves estes traballos.

Está previsto que nas próximas datas, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licite o contrato, que contempla un prazo de 3 meses para a redacción e dun ano para a súa execución. Tamén están previstos 12 meses adicionais para a posta en marcha dos novos tratamentos.

O saneamento da ría de Pontevedra é unha das grandes prioridades actuais da Xunta en materia hidráulica. O executivo autonómico entende que é necesario acometer a recuperación ambiental das augas da ría, a produtividade marisqueira e a actividade turística.

Para esta intervención hidráulica da Xunta está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%.

Ademais, esta reforma tecnolóxica, segundo indican desde a Xunta, permitirá mellorar a curto prazo a depuración das augas residuais dos  concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa. Con esta intervención quérese cumprir os límites de vertedura marcados pola directiva da Comunidade Europea.

Os traballos céntranse na remodelación do tratamento secundario actual, co fin de garantir a correcta depuración de ata 900 l/s de auga residual. A solución céntrase en modificar o reactor biolóxico e unha posterior clarificación das augas mediante un proceso físico-químico con lastrado por  microarea.

Ampliarase a liña de lodo e se  realizarn actuacións previas para manter o funcionamento da depuradora durante as obras

Está prevista a ampliación do edificio de lodos coa creación dunha nova sala para a deshidratación na parte posterior do actual edificio. Serán 310 metros cadrados para albergar os equipamentos necesarios para o tratamento de lodos.

A Xunta indica que esta reforma da depuradora forma parte do Plan de saneamento local, que contará coa construción do novo emisario submarino. No plan inclúense actuacións para mellorar as redes de saneamento municipais, nas que a administración autonómica recoñece que se rexistran infiltracións indebidas.