A decisión do Tribunal Supremo de admitir a trámite os recursos presentados contra a sentenza que anulou a prórroga á fábrica de Ence en Pontevedra non sorprendeu no goberno municipal. "Non agardábamos outra cousa", sinalou a edil Carme da Silva.
"En ningún momento se manexou outra posibilidade", argumentou Da Silva en rolda de prensa, na que adiantou que os servizos xurídicos do Concello "levan tempo" traballando nos argumentos legais que presentarán contra eses recursos.
Desde o executivo pontevedrés sosteñen que é "normal" que o Supremo queira sentar xurisprudencia nunha cuestión "tan sensible" como é a ocupación dos terreos de dominio público marítimo terrestre por parte de actividades que "poden desenvolverse noutro sitio".
Confían en que na decisión que adopte o alto tribunal "pese moito" as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga da fábrica pasteira porque "o contrario sería introducir elementos de discrecionalidade" que irían en contra da propia Lei de Costas, que se marca como obxectivo "liberar"o espazo de dominio público de todas esas actividades.
Ao Concello, segundo Da Silva, "non nos preocupa" que o Supremo vaia a deliberar sobre estas cuestións, aínda que espera que na súa futura decisión "só pesen os elementos xudiciais" e que non se produzan "valoracións políticas" que inflúan nun asunto "de tanta envergadura".
A este respecto, a edil do BNG lembrou que Ence leva "moito tempo" recorrendo á "chantaxe" co único obxectivo de manterse na súa actual localización "a pesar de que era coñecedora de que a fábrica tiña data de caducidade".
É a propia empresa, sinalou a portavoz nacionalista, "a que está xogando co futuro dos seus traballadores", ao negarse de maneira reiterada a buscar unha localización alternativa para un proxecto industrial en Galicia, unha postura que "algún día terán que aclarar".
Tras destacar que este comportamento "non é unha novidade", Da Silva denunciou que a Xunta siga "entregada" aos intereses de Ence e advertiu de que, nestes momentos, Galicia ten capacidade para acoller a unha industria pasteira "sexa Ence ou outra".
TINO FERNÁNDEZ COINCIDE: "NON É MOI SORPRESIVO"
O tenente de alcalde, Tino Fernández, coincidiu cos seus compañeiros de goberno ao apuntar que "non é moi sorpresivo" que o Supremo admitise a trámite estes recursos porque "non supón nin presupón nada con respecto ao fondo do asunto".
O dirixente socialista sostén que "nós seguimos pensando" que a sentenza da Audiencia Nacional está "absolutamente motivada" e que o Supremo confirmará este fallo.
"Pedimos que esta situación acabe canto antes", sinalou Fernández, que confía en que todas as partes implicadas, máis aló dos recursos xudiciais, "se poñan a traballar no realmente importante" que para el é o mantemento dos postos de traballo.
Para iso, reclama que se elabore un proxecto que inclúa unha "folla de ruta" para sacar a fábrica da ría de Pontevedra e trasladala a un lugar "moito máis adecuado para a súa función".