A concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, confirmou que actualmente non existe ningún proxecto en marcha de instalación de crematorio en zonas urbanas do municipio. "Non temos coñecemento de ningún crematorio que se queira instalar en zona residencial", sinalou.
Se houbese unha "ameaza inminente", a concelleira de urbanismo asegura que "faremos todo o que estea nas nosas mans para protexer aos veciños e ás veciñas do fallo xudicial da sentenza da asociación anti crematorios".
Entre outras posibilidades o goberno local podería pedir outra moratoria para suspender a concesión de licenzas. "Se detectásemos algunha solicitude neste extremo, inmediatamente paralizariamos a concesión de licenzas para crematorios", afirmou Anabel Gulías.
Esta medida executiva soamente valería para a construción destes fornos funerarios en zona urbana. E é que despois de coñecer o fallo xudicial o goberno local entende que "agora o escenario é peor" porque a Lei do Solo establece un novo marco xurídico de referencia no que non se permite a limitación adicional de protección en chan rústico.
Isto quere dicir que "nin os 500 metros que pedían os veciños nin os 50 que pedía o Concello", nin sequera unha distancia intermedia, xa que "non se pode establecer ningún límite de protección", explicou Anabel Gulías.
A día de hoxe, se unha empresa pide unha licenza para instalar un crematorio en solo rústico o concello tería que iniciar a tramitación da licenza de maneira ordinaria. Se a solicitude é para unha zona urbana, o goberno local pediría un ditame ambiental da consellería.
A concelleira de Urbanismo tamén anunciou que o Concello recorrerá a sentenza do Supremo, así llo avanzou ao alto tribunal o pasado 3 de xaneiro, aínda que aínda non ten contestación. En todo caso, recoñece a edil nacionalista que "non somos moi optimistas con este tema".
O Concello tamén ten pendente da resolución dunha segunda casación, neste caso no marco da demanda que tiñan presentado as compañías promotoras destas instalacións, polo que "esta cuestión aínda está viva xudicialmente".
O PP VE AO BNG COMO O "ÚNICO CULPABLE"
Para o Partido Popular, con todo, o "único culpable" desta situación é o BNG e considera unha "desvergoña" que se responsabilice aos veciños que acudiron aos xulgados para reclamar unha distancia maior entre os posibles crematorios e as súas vivendas.
Rafa Domínguez considera que a "desastrosa" xestión do goberno municipal deixa sen protección aos veciños de Pontevedra, unha cuestión que "estaría resolta" se o municipio contase cun PXOM "acorde ao século XXI".
"O BNG optou por gardar no caixón un documento que permitiría evitar este tipo de problemas", sinalou o portavoz do PP, que volveu a esixir a elaboración dun novo plan de ordenación para "dar seguridade xurídica" a todo o municipio.
MAREA PONTEVEDRA
O voceiro e candidato á alcaldía de Marea Pontevedra, Luis Rei, tamén culpa ao goberno local da senteza do Tribunal Supremo que deixa ao municipio sen defensa ante os crematorios.
Segundo esta formación a falta de PXOM, a falta de estudo de impacto ambiental e a "incapacidade para chegar a acordos" son "argumentos moito máis válidos" que botarlle a culpa á veciñanza, algo "tan simple como eticamente reprobable, pois se a veciñanza viuse obrigada a iniciar unha batalla nos xulgados foi unicamente pola omisión e o pasotismo do goberno ante as súas demandas".