O Concello solicitará o amparo do Tribunal Constitucional por "denegación técnica de xustiza" no caso Ence

Pontevedra
12 de xullo 2023

Francisco Caamaño, ex ministro e responsable da asesoría xurídica que colabora co Concello nos recursos contra a prórroga de Ence, sinala que na sentenza do Tribunal Supremo vai contra a xurisprudencia establecida polo Tribunal Constitucional e que non se responde ás cinco cuestións presentadas polo Concello de Pontevedra. Advirte de que o debate real, de fondo, se centra na utilización que se fai do litoral

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

Francisco Caamaño, ex ministro e responsable do equipo xurídico que colabora co Concello de Pontevedra na elaboración dos recursos contra a prórroga de Ence, mantiña este mércores un encontro co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e con técnicos municipais para analizar os próximos pasos que se darán nos tribunais contra as últimas resolucións do Tribunal Supremo, que consideran legal a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy á presenza da fábrica pasteira en Lourizán.

Caamaño aclarou que a resolución, recentemente coñecida, do recurso de nulidade de actuacións por parte da mesma salga que ditara sentenza no Tribunal Supremo era previsible. E, a continuación, explicou que o recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional se elaborará para presentalo canto antes, seguramente a finais de agosto ou principios de setembro. 

ARGUMENTOS XURÍDICOS DO RECURSO

O experto xurídico indicou que ese recurso que se presentará ante o Tribunal Constitucional basearase en dúas cuestións

1. Que a sentenza emitida polo Tribunal Supremo maniféstase en contra da xurisprudencia do Tribunal Constitucional, na que se baseaba a anterior resolución da Audiencia Nacional na que se consideraba que a prórroga concedida a Ence era ilegal.

2. Que o Concello de Pontevedra expuxera cinco cuestiións xurídicas distintas nas súas alegacións ante a Audiencia Nacional. Ese tribunal "viu tan claro o asunto" que estimou, segundo Caamaño, a primeira e non entrou nas outras catro. Da mesma forma, Ence só expuxo o recurso diante do Tribunal Supremo sobre unha das cuestións e, por tanto, o Concello de Pontevedra só puido comparecer tamén sobre esa cuestión. 

O catedrático de Dereito Constitucional indica que o Tribunal Supremo na súa sentenza non se pronuncia sobre as outras catro cuestións e, por tanto, entende que debería devolver o asunto á Audiencia Nacional para que resolva esoutros argumentos. Ao non facelo, "produce un elemento de denegación técnica de xustiza", afirma o avogado coruñés para xustificar a presentación do recurso de amparo.

En todo caso, Francisco Caamaño explica que a gran dificultade é que o Tribunal Constitucional admita o recurso. "De cada 100 admite 2", recoñece e faino atendendo á "transcendencia constitucional", isto é, xustificar que a cuestión ten repercusión máis aló dos intereses directos do Concello de Pontevedra. Circunstancia que considera xustificada porque, ademais de que o Concello é unha entidade pública, deféndense os intereses do Estado, da veciñanza de Pontevedra e das persoas que viven a ría. 

O asesor xurídico tamén insistiu en que a sentenza do Tribunal Supremo vulnerou a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e directivas europeas que establecen que, cando se habilite de novo un espazo no litoral, debe sacarse a concurso público entre diversas empresas e opcións públicas para escoller recursos para o litoral máis adecuados pola súa natureza.

PRAZOS

A admisión ou inadmisión do recurso coñecerase nun prazo de seis a oito meses a partir da presentación e a sentenza tardaría unha media de catro ou cinco anos, segundo a media habitual do Tribunal Constitucional. "Están a ir máis rápidos ultimamente", recoñeceu encomiando o traballo da nova presidencia que exerce Cándido Conde-Pumpido.

Francisco Caamaño: "Non en todos os lugares de España hai rías, é un patrimonio insólito"

No caso de que a sentenza fose favorable ao Concello, o caso debería devolverse á Audiencia Nacional. En caso contrario, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, sostivo que se acudirá aos tribunais europeos ata esgotar "todas as vías posibles para recuperar a ría".

Francisco Caamaño insistiu no voto da maxistrada particular na sentenza do Tribunal Supremo que lembraba que este tipo de concesións non poden ser prorrogadas pola lei salvo no caso de que non haxa outro lugar onde a actividade industrial se poida establecer, baseándose na doutrina do Tribunal Constitucional. "O Tribunal Supremo fixo un esforzo para dicir que Ence non está nese caso previsto na lei. Ao opoñer excepción á lei fai unha excepción á sentenza do Tribunal Constitucional", manifestou o xurista entendendo que o Supremo "puenteó" a interpretación do Constitucional "para saír ao paso e buscar unha alternativa distinta".

Entende que esa resolución do Supremo supón un "bo rejonazo" á Lei de Protección do Litoral.

"Non en todos os lugares de España hai rías, é un patrimonio insólito. Cando están establecidos os prazos o que se espera é que sexan renovados con acordo á lei. O Tribunal Supremo di que foi renovado conforme a lei e o Concello de Pontevedra e outros colectivos cren que non. Ese é o debate. Pero, de fondo, o que hai é a utilización do litoral. Ese é o debate real de fondo", concluíu o ex ministro.

O alcalde de Pontevedra apuntou que cando os actuais propietarios adquiriron Ence sabían que o facían cunha condición, que a data de caducidade era ata 2018