A actual depuradora dos Praceres, lembra o goberno municipal, foi dimensionada para atender a unha poboación dunhas 200.000 persoas, polo que consideran que as instalacións actuais "dán de sobra" para atender á cidade de Pontevedra.
A tenente de alcalde, Carme da Silva, reitera que a ampliación da depuradora "non é necesaria" e defendeu que "hai que poñela a funcionar ben", cun ambicioso plan de modernización, que debe ir acompañada coa construción de senllas EDAR en Poio e Marín.
Da Silva reiterou que "non ten sentido" que as augas residuais destes dous municipios "anden cruzando a ría", polo que instou a Augas de Galicia, da que lembrou que é "competente" nesta materia, a buscar localización para estas depuradoras.
É a Xunta e non os respectivos concellos, insistiu, a que conta cos técnicos especializados, os coñecementos e os estudos para poder elixir a mellor opción. Por iso, instou ao goberno galego a "preocuparse de verdade" pola depuración da ría e "deixar de buscar polémica" cos concellos.
Ademais, a edil do BNG asegurou que nas reunións mantidas ata agora coa Xunta polo plan de saneamento da ría "nunca se falou" da ampliación da depuradora de Praceres e lembrou que o Concello xa alegou contra o proxecto do novo emisario submarino e informou desfavorablemente sobre a autorización de verteduras.
A este respecto, o BNG presentou este xoves unha proposición non de lei para que o Parlamento galego inste á Xunta de Galicia a ter en conta o posicionamento unánime da corporación municipal de Pontevedra e descarte ampliar a depuradora.
A iniciativa, presentada polo deputado Luís Bará, lembra que a mellora do funcionamento da actual EDAR conta cun amplo respaldo social e político, todo o contrario que a intención do goberno galego de ampliar a capacidade das instalacións actuais.
Os nacionalistas pide que as mesmas forzas políticas que están representadas no pleno da corporación adopten un acordo semellante no parlamento galego e, neste sentido, demanden que por parte da administración autonómica leven a cabo outras actuacións para garantir o saneamento da ría de Pontevedra.