O Concello presenta un "incidente de nulidade de actuacións" para que a sentenza de ENCE volva á Audiencia Nacional

Pontevedra
13 de marzo 2023

Trátase dun medio de impugnación de carácter extraordinario co que Concello de Pontevedra quere deixar sen efecto "unha sentenza que consideramos inxusta"

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

A xunta de goberno local do Concello de Pontevedra ordenou aos servizos xurídicos, que presenten un "incidente de nulidade de actuacións" para que a sentenza do Tribunal Supremo que avala a prórroga de Ence na ría volva á Audiencia Nacional. 

Trátase dun medio de impugnación de carácter extraordinario co que Concello de Pontevedra quere deixar sen efecto "unha sentenza que consideramos inxusta".

Nunha rolda de prensa celebrada este luns, a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, explicou que no recurso que expuxera o Concello ante a Audiencia Nacional presentábanse cinco argumentos para fundamentar o rexeitamento á continuidade da fábrica en Lourizán. 

Con todo, na súa sentenza "a Audiencia Nacional non valora todos" e só toma en consideración o argumento que facía referencia ao artigo 32 da Lei de Costas que cuestiona a permanencia de actividades en terreos de dominio marítimo-terrestre se estas poden desenvolverse noutras localizacións.

Os avogados do Concello de Pontevedra entenden que a Audiencia Nacional non entrou a valorar o resto de argumentos e, en consecuencia, tampouco o Tribunal Supremo tomounos en consideración. Por iso cren que "xera no Concello indefensión, porque nós non dabamos só ese argumento senón moitos máis motivos" polo que acode a este medio de impugnación de carácter excepcional.

Mediante a presentación deste incidente de nulidade de actuacións ante o Tribunal Supremo, o Concello de Pontevedra persegue que o caso volva á Audiencia Nacional "para que se xulguen cada un dos motivos que esgrimimos no noso recurso e desta forma permítasenos defendernos con todas as garantías dun proceso xudicial xusto, igualitario e efectivo", dixo Anabel Gulías.

O Concello tamén esgrimía no seu recurso que a prórroga do 2016 vulneraba lexislación ambiental autonómica, como as directrices de Ordenación do Territorio e do Plan de Ordenación do Litoral. Ademais aseguraban que o goberno en funcións de Mariano Rajoy, "en tempo de desconto", non podía conceder unha prórroga destas características.

Ademais, o recurso municipal citaba á directiva de servizos da Unión Europea, que  establecía que tiña que haber proceso de concorrencia pública, e aludía tamén á caducidade expresa da prórroga inicial a Ence en 2018.

Anabel Gulías concluíu a súa comparecencia recalcando que este asunto "é unha cuestión importantísima para o Concello, para o goberno local de Pontevedra, recuperar os terreos e por terra, mar e aire empezamos o proceso para devolverlle aos veciños o que lles pertence".