O Concello pide á Xunta e a ENCE "que deixen de torpedear e que se poñan a buscar solucións realistas"

Pontevedra
06 de setembro 2021

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asistirá este venres día 10 de setembro á segunda reunión sobre o futuro da fábrica de ENCE en Lourizán convocada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica  

Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra
Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asistirá este venres día 10 de setembro á segunda reunión sobre o futuro da fábrica de ENCE en Lourizán convocada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica. 

Desde o concello da capital piden á Xunta e á empresa "que deixen de torpedear e que se poñan a buscar solucións realistas" xa que "teñen as competencias e está na súa man a posibilidade de cambiar a situación para unha localización legal da factoría".

A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, explicou este luns que o Concello de Pontevedra entende que debe asistir a este encontro "por responsabilidade".

"Aínda así somos bastante escépticas co resultado desta mesa", engadiu Anabel Gulías. O motivo destas dúbidas, segundo explicou, é por "unha cuestión básica" xa que no goberno local "cremos que os que teñen verdadeira responsabilidade nesta actuación, refírome á empresa e á Xunta do Partido Popular, van a esta esta mesa simplemente como un mero trámite e non coa idea de achegar ou tomar unha decisión clara ou facer un esforzo para unha futura recolocación da planta en Galicia".

Anabel Gulías reprochou que a dirección da pasteira e o executivo galego "non teñen ningunha actitude proactiva" e no caso da Xunta "limítase a ofrecer un cambio de lei para beneficiar a unha empresa".

A portavoz do goberno local de Pontevedra cre que "se houbese vontade de achegar e de diálogo" por parte de ENCE e da Xunta "serían os máis interesados en buscar unha alternativa" e xa iniciarían contactos con algún municipio "e trataríase este tema dunha forma máis operativa, máis realista e, desde logo, máis pragmática", engadiu.

"Que o PP e a mesma empresa den orde á Ence-borroka, a ese grupo de exaltados, para que non compliquen as cousas"

En conclusión, o goberno local de Pontevedra considera que Ence e a Xunta "nin queren, nin lles interesa, nin teñen o máis mínimo interese por buscar unha saída real a unha posible localización dunha factoría no noso país".

Anabel Gulías apuntou que "esperemos que non compliquen máis as cousas e que o PP e a mesma empresa den orde á Ence-borroka, a ese grupo de exaltados, para que non compliquen as cousas".

A edil nacionalista desexou que a reunión convocada polo ministerio se poda desenvolver "nun ton menos violento e menos agresivo, que os últimos acontecementos na nosa cidade".

Arquivado en