O Concello de Pontevedra solicitou ao Servizo de Planificación e programación hidrolóxica un informe para verificar a veracidade dos aforos publicados na web Meteogalicia, integrada dentro da consellería de Medio Ambiente e infraestruturas da Xunta de Galicia.
Tal e como é sabido, o abastecemento aos concellos da ría de Pontevedra durante os meses de verán realízase en exclusiva desde o rio Lérez, a través da estación de bombeo de Monte Porreiro.
Por mor disto, dende a Administración Local salientan que queda evidenciado a importancia do seguimento e control do caudal do río nestas datas actuais, co obxectivo de servir de referencia para poñer en vigor os distintos estados dentro do protocolo de seca do Concello da Boa Vila.
Este control é realizado a través dos datos do caudal da auga do río da estación de Lérez, instalación integrada na rede de aforos e publicada nesta web. Así, e atendendo aos datos ofrecidos polo servizo dixital, é posible observar unha cifra claramente baixa ao estudar o caudal medio de auga no Lérez, inferior a calquera dato comparativo no mesmo período, ao longo dos últimos anos, tal e como aparece recollido no informe redactado polo director xeral de Infraestructuras do Concello de Pontevedra.
Ademais, nos últimos días, de acordo cos aforos publicados pola Consellería, o río sofre grandes oscilacións como se apreciar pode na gráfica feita para os días do 10/06 ao 14/06:
A diferenza ao longo da xornada está entre os 4-5 m3/s, con valores durante varias horas ao día por baixo do caudal ecolóxico da presa de Bora, o cal para este mes sitúase nos 3,132 m3/s segundo a resolución enviada ao Concello de Pontevedra (E-1135- P e E-1206-AP de 3/05/2022).
Doutra banda, a tendencia xeral do comportamento do río é claramente descendente, polo que de seguir nesta liña, nas seguintes semanas o caudal medio na estación de bombeo podería chegar a estar por baixo do antedito caudal ecolóxico da presa de Bora.
Dada a situación de seca deste ano, e que a previsión é que os niveis do río Lérez sigan baixando, o Concello prégalle á Xunta de Galicia que indique se a estación mide correctamente a efectos de que poidan ser utilizados os seus valores de referencia.