O Concello e os comuneiros de Ponte Caldelas alertan de "problemas ambientais" da planta de compost

Pontevedra
16 de xaneiro 2015

Perfecto Rodríguez e as comunidades de montes dos lugares de Baltar, Sobreiro e Chan do Casal, todos da parroquia de Xustáns, consensuaron unha postura común ante o proxecto da planta de compostaxe que o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial quere instalar na Canicouva

Perfecto Rodríguez aborda coas comunidades de montes a planta de compost da Canicouva
Perfecto Rodríguez aborda coas comunidades de montes a planta de compost da Canicouva / Concello de Ponte Caldelas

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e as comunidades de montes dos lugares de Baltar, Sobreiro e Chan do Casal, todos da parroquia de Xustáns, consensuaron unha postura común ante o proxecto da planta de compostaxe que o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial quere instalar na Canicouva.

Coa ausencia dos comuneiros de Aluncía, mantiveron unha reunión este xoves na que deixaron clara que existe un posicionamento común de rexeitamento á situación na zona da Canicouva "polos problemas ambientais que podería xerar". Segundo informa o Concello de Ponte Caldelas, sitúan o principal problema nos olores que poida provocar a elaboración do compost, así como a posible contaminación de mananciais.

Critican que existe unha total falta de información sobre a planta a instalar

O alcalde e os comuneiros engaden que existe unha total falta de información sobre a planta a instalar, tanto das súas características técnicas coma do seu tamaño e dimensión. Esta situación "xera a lóxica preocupación veciñal", da que xa se fixera eco o PSdeG-PSOE local.

Tanto o Concello de Ponte Caldelas coma os comuneiros de Xustáns aseguran que non permitirán "baixo ningún concepto" que o acceso a esa futura planta de compostaxe se realice polo vial municipal situado nos montes desta parroquia de Xustáns. En todo caso, tería que habilitarse un vial de acceso alternativo ben polo monte da Fracha ou a través dun enlace da proxectada autovía A-57, que pasará preto da zona onde se propón a instalación da planta de compostaxe.

Pefecto Rodríguez trasladou aos veciños que o proxecto "está moi verde e a curto e medio prazo non será unha realidade", pois dependerá de que a Deputación Provincial decida levar adiante un plan provincial de recollida de lixos para os concellos da provincia que se adhiran a el, e que se inclúa a construción desa planta de compostaxe, que no concurso que agora quedou deserto non estaba prevista.

Ao respecto, recorda que o proxecto para instalar a planta tería que ser obxecto dunha esixente tramitación ambiental, o que permitiría alegacións e comprobar as posibles afeccións co que o posicionamento contrario á súa situación podería ser contestado tamén por esta vía. Ademais, o rexedor prometeulles que defenderá os intereses do municipio "por enriba de calquera outro interese político ou partidista, con independencia de quen proxecte ou promova esa planta", en alusión a que se trata dun proxecto do Concello de Pontevedra, do BNG, pero tamén da Deputación, na que goberna o PP, o mesmo partido que en Ponte Caldelas.

Arquivado en