A Deputación Provincial e o Concello de Pontevedra chegaron a un acordo político para que os residuos orgánicos sexan tratados a través dunha planta de compostaxe. Este proxecto que, segundo as previsións do concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, César Mosquera, tardaría entre dous ou tres anos para entrar en funcionamento considera a construción dunha planta para o tratamento dos residuos orgánicos.
O obxectivo sería que o municipio de Pontevedra trasladase entre 15.000 e 25.000 toneladas ao ano a esa planta. Actualmente, segundo a información de Mosquera, Sogama trata 30.000 toneladas anuais procedentes do concello pontevedrés. A nova planta instalaríase en Pontevedra ou nun concello próximo á capital da provincia, que achegaría a metade dos orgánicos que se tratasen nesa nave de compostaxe. Neste sentido, César Mosquera indicou que xa se falara con representantes da Mancomunidade de Montes en Man Común e que existen diferentes opcións para a instalación.
O acordo entre as dúas institucións non supón que o Concello dePontevedra entre no consorcio provincial de lixos por parte da Deputación. Pero a decisión afecta á empresa adxudicataria do servizo de lixos Cespa que, segundo o concelleiro, vería prorrogado o seu contrato, que conclúe en xuño, ata que se puxese en marcha o proxecto do tratamento de residuos orgánicos a través de compost. Cando vaia a entrar en funcionamento abriríase un concurso.
Tamén indicou que se o proxecto funciona como agardan, remataría por rebaixarse a factura actual do lixo.
O Concello e a Deputación pactan un acordo para crear unha planta de compostaxe en 3 anos
Pontevedra
05
de maio
2014
A Deputación encargará un estudo de viabilidade sobre o proxecto que contemplaría a construción dunha planta de compostaxe localizada en Pontevedra ou nun concello próximo. Segun explicou o concelleiro César Mosquera, se o proxecto funcionase se rebaixaría a actual factura do lixo
Máis novidades