O Concello de Pontevedra xa ten os terreos para construír a planta de compostaxe

Pontevedra
30 de decembro 2015

César Mosquera ofreceu ao presidente da Deputación, Rafael Louzán, a posibilidade de incluír a planta de compostaxe dentro dun contrato "único" do servizo provincial de recollida de lixos. Deste xeito, segundo o deputado nacionalista, o concurso que acaba de quedar deserto sería máis rendible e concorrerían máis empresas animadas pola viabilidade económica desta xestión

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra /

O voceiro do grupo provincial do BNG e concelleiro de Ordenación do Territorio en Pontevedra, César Mosquera, anunciou este martes no Pleno da Deputación que o concello capitalino xa ten os terreos para construír a planta de compostaxe.

"Podo anunciar, con toda a seguridade neste Pleno, que os terreos xa están", dixo Mosquera. O que non adiantou é onde están localizados xa que "o escenario onde se ten que dicir é outro" e probablemente desvelarase nuns dez días.

Son un total de dez hectáreas "con posibilidades de ampliar de sobra", engadiu.

César Mosquera ofreceu ao presidente da Deputación, Rafael Louzán, a posibilidade de incluír a planta de compostaxe dentro dun contrato "único" do servizo provincial de recollida de lixos. Deste xeito, segundo o deputado nacionalista, o concurso que acaba de quedar deserto sería máis rendible e concorrerían máis empresas animadas pola viabilidade económica desta xestión.

Mosquera baseou este argumento nas informacións que lle trasladaron algunhas empresas aos técnicos municipais durante todo este tempo. Ademais para as empresas supón "unha saída" para poder cumprir coa normativa europea que obriga a que a reciclaxe de residuos supoña o 50% para 2020 e obriga a recollida separada de biorresiduos no 2025.

Coa inclusión da planta de compostaxe "en dous ou tres meses" sería posible volver sacar a licitación este concurso, segundo os cálculos de Mosquera que agradeceu ao presidente provincial, Rafael Louzán a súa "decisión arriscada e valente" por intentar resolver "unha realidade moi complexa".

Pola súa banda o voceiro do grupo provincial do PSdeG-PSOE, Santos Héctor, referiuse a este "estraño e rechamante" concurso falido "no que están metidos no mesmo saco o PP e o BNG" e que ao seu xuízo supón "un gran fracaso político".

"Non quero pensar que isto quedou deserto para incluír agora á planta de compostaxe", insinuou Santos Héctor, "e a ver se vai no bote o pagamento da débeda do Concello de Pontevedra con Sogama", engadiu.

Rafael Louzán reaccionou criticando os socialistas por "boicotear" este proceso dende o inicio "gobernar é tomar decisións e non estar a pensar no rédito electoral. Hai que ser responsables".

"Dedicarse á función pública para non facer nada e que todo siga igual de mal, non ten sentido", apuntou Mosquera.

AGUSTÍN FERNÁNDEZ

Pola súa banda, o secretario local do PSOE en Pontevedra, o concelleiro Agustín Fernández, que mantivo un aberto rexeitamento a esta iniciativa impulsada pola Deputación e o Concello, publicou nun comunicado que "a chapuza coa suposta planta de compostaxe causou o fracaso do concurso provincial de lixo".

Segundo Tino Fernández "a Deputación agochou aos licitadores a información necesaria para poder presentar ofertas realistas e fiables".

Arquivado en