O grupo de goberno de Ponte Caldelas convocará asembleas veciñais informativas nos lugares de A Reigosa, Xustáns, Baltar e Taboadelo, así como en todos aqueles lugares onde se lle solicite, para "explicar pormenorizadamente as implicacións que terá para o municipio a implantación da microplanta de reciclaxe na parroquia pontevedresa da Canicouva".
Estas reunións produciránse "no prazo máis breve posible", unha vez que o alcalde, Andrés Díaz, e varios membros do equipo de goberno, se reúnan co vicepresidente da Deputación Provincial, César Mosquera, para recabar toda a información pertinente ao respecto.
Andrés Díaz reiterou que o seu compromiso e o dos membros do equipo de goberno "é actuar neste, como en tódolos temas, con total transparencia e tendo en conta a opinión dos veciños".
A planta de compostaxe estará instalada na Canicouva, no termo municipal de Pontevedra sobre o que non ten competencia algunha o Concello de Ponte Caldelas. O alcalde Andrés Díaz manifestou que "pese a que o proxecto é infinitamente menor ao que pretendía Louzán, non aceptaremos o uso dos viais de titularidade municipal para o paso de camións a esta microplanta".
"Non aceptaremos o uso dos viais de titularidade municipal para o paso de camións a esta microplanta"
Andrés Díaz lembrou que o novo proxecto que está a levar adiante a Deputación bipartita "nada ten que ver co orixinal" proxectado por Rafael Louzán.
"Aquelo era un macrobasureiro para 20 concellos, sin separación de impropios, un auténtico vertedoiro, un estercoleiro, algo intolerable. Agora, despois da visita aos procesos de reciclaxe que se están levando en outros lugares do estado, como Navarra, a aposta é unha microplanta con capacidade para entre 3 e 6 toneladas de orgánicos procedentes dos composteiros comunitarios e individuais que se están poñendo en marcha nos distintos concellos da provincia onde hai participación cidadá e onde se respectan as medidas medioambientais dimanadas das directivas europeas, sin tratamento de impropios e sin unha incineradora como pretendía o Partido Popular", afirma Andrés Díaz nun comunicado difundido polo Concello.