O Concello aposta pola Alternativa 1 para o segundo tramo da A-57, entre A Ermida e Pilarteiros

Pontevedra
14 de xaneiro 2019

A proposta foi á comisión de Mobilidade e Infraestruturas e contou cos votos favorables do BNG, a abstención de Ciudadanos e do PSOE e os votos en contra do PP e de Marea Pontevedra. Esta opción contempla 5 km. de vía cun orzamento de máis de 100 millóns de euros

O concelleiro Alberto Oubiña
O concelleiro Alberto Oubiña / PontevedraViva

A comisión de Mobilidade e Infraestruturas celebrada este luns no Concello de Pontevedra aprobou a alternativa 1 das dúas opcións formuladas polo Ministerio de Fomento para o segundo tramo da A-57, que transcorre entre A Ermida, na parroquia de Marcón, e Pilarteiros, en Xeve.

A opción que apoia o goberno local é a que conta cun trazado máis interior, cunha extensión de 5 quilómetros e un orzamento que supera os 100 millóns de euros. Segundo explicaba o concelleiro Alberto Oubiña é a proposta máis coincidente co proxecto inicial que se remonta a 2007. Os únicos cambios en relación a aquela opción se atopan na velocidade que pasa de 80 Km/h a 100 Km/h e se incrementa a lonxitude de viaductos para facilitar a integración paisaxística e minimizar as afeccións a vivendas.

Esta iniciativa contou cos votos favorables do BNG e a abstención do PSOE e Ciudadanos. Mentres que o PP e Marea Pontevedra votaron en contra.

Oubiña lamentou que desaparecera a "unanimidade" sobre este tema afirmando que é necesaria unha circunvalación para Pontevedra. "É o día da marmota", afirmou o concelleiro, en referencia aos atrasos que se suman neste proxecto, que na primeira fase, entre Vilaboa e A Ermida se executa actualmente.

O concelleiro agarda que o proxecto se contemple nos orzamentos xenerais do Estado e afirma que desde o goberno local se apoia aos veciños para aquelas alegacións que se queiran presentar ao trazado deste tramo.

A alternativa descartada contaba cun itinerario máis exterior e percorría máis de 6 quilómetros, cun orzamento superior aos 124 millóns de euros.

Na comisión todos os representantes dos grupos políticos, agás o BNG, apoiaron unha proposta para demandar transporte público en Pontevedra. Estes temas van debatirse no vindeiro pleno.

Arquivado en