O Concello acode ao Contencioso para defender a planta de compost prevista na Canicouva

Pontevedra
25 de xaneiro 2016

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns presentarse no Xulgado do Contencioso-administrativo número dous desta capital no procedemento iniciado pola plataforma veciñal 'Residuos Non' de PonteSampaio co seu recente recurso en contra do aluguer dos terreos, asinado polo goberno local en decembro pasado

Xunta de Goberno municipal
Xunta de Goberno municipal /

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns presentarse no Xulgado do Contencioso-administrativo número dous desta capital no procedemento iniciado pola plataforma veciñal 'Residuos Non' de Ponte Sampaio co seu recente recurso en contra do aluguer dos terreos, asinado polo goberno local en decembro pasado.

O gabinete xurídico do Concello aconsellou esta medida para defender o contrato de aluguer subscrito coa Comunidade de Montes da Canicouva en virtude do cal os comuneiros ceden dez hectáreas de propiedade mancomunada por trinta anos, a comunidade de montes recibirá un canon anual de 2.000 euros por hectárea, ao que hai que sumar unha renda variable de 0,40 euros por tonelada procesada.

Estas cantidades serán actualizadas cada ano co IPC correspondente e no caso de que este sexa negativo, manterase o canon do ano anterior. Ademais, o Concello comprométese a asumir os traballos de silvicultura noutras quince hectáreas de monte comunal.

Todo este diñeiro que recibirá A Canicouva grazas a este acordo terán que destinalo obrigatoriamente á mellora do monte da parroquia ou ao investimento en obras e servizos que sexan de interese xeral para toda a comunidade de veciños propietarios. Exclúese a posibilidade de que se poida repartir entre os comuneiros.

A pesar de que a planta de compostaxe aínda tardará polo menos un par de anos en estar en funcionamento, o Concello xa comezou a computar desde o pasado mes de novembro o pago do aluguer dos terreos de Canicouva onde se levantará.

ASEMBLEA EN PONTE SAMPAIO

O pasado venres celebrouse unha asemblea de veciños en Ponte Sampaio onde quedou patente que a preocupación nesta parroquia segue igual de activa que meses atrás e, ademais, saíu á luz un novo foco de desgusto: a actitude da Deputación Provincial de Pontevedra ante a falta de resposta ás súas peticións de entrevista coa presidenta, Carmela Silva.

Arquivado en