O Concello abre un novo período para ofertar terreos nos que construír a planta de compostaxe

Pontevedra
22 de maio 2015

Segundo explicou o concelleiro de infraestruturas, César Mosquera, a medida adóptase para "ter o expediente nas mellores condicións", é dicir, blindar legalmente todo este proceso de aluguer de terreos ante o previsible aluvión de recursos que se poden presentar contra este

Fachada do Concello de Pontevedra na rúa Michelena
Fachada do Concello de Pontevedra na rúa Michelena / Mónica Patxot

No último día de campaña e de xeito urxente, o goberno local de Pontevedra convocou unha xunta de goberno extraordinaria para abrir o período dun mes para que todos os interesados poidan ofertar terreos nos que construír a planta de compostaxe.

Segundo explicou o concelleiro de infraestruturas, César Mosquera, a medida adóptase para "ter o expediente nas mellores condicións", é dicir, blindar legalmente todo este proceso de aluguer de terreos ante o previsible aluvión de recursos que se poden presentar contra este.

Para iso os técnicos municipais elaboraron un prego de condicións con "todas ás garantías" incluíndo os requisitos que deben reunir os terreos ofertados nun "proceso de libre concorrencia" e cun baremo para a súa puntuación, como cuestións como: distancia mínima das vivendas, tipo de chan, orografía, forma, entre outras moitas.

NON COMPROMETE A PRÓXIMA CORPORACIÓN

O expediente deste concurso recolle unha cláusula para que a nova corporación que saia das urnas tras os comicios deste domingo poida deixar deserto o concurso, anulando todo este proceso.

O prazo para presentar ofertas iniciarase unha vez que saia publicado no Boletín Oficial da Provincia. Mosquera dá por feito que os terreos da Canicouva volverán ser ofertados pola comunidade de montes.

César Mosquera asegurou que se tomou esta decisión "por cuestión de prazos" xa que "imos moi apurados, e se queremos que este proxecto estea non 2017, non podemos perder nin un só día".

Os concelleiros socialistas rexeitaron participar na votación abandonando a xunta de goberno

Mosquera recoñeceu que entre os funcionarios municipais hai quen defende que non debe tomar decisións deste tipo no último día de campaña, pero insiste en que se aprobou esta medida xusto hoxe "porque foi cando estivo, por desgracia estivo hoxe, pero levamos tres meses traballando nesto".

Polo tanto, insistiu o concelleiro de Infraestruturas en que esta decisión "non condiciona nada, é simplemente unha cuestión de prazos" e que a razón desta présa foi que despois de tres meses de trámites, "os funcionarios acaban de rematar o proceso administrativo". Xusto ademais no día de Santa Rita, patroa dos empregados públicos.

O PSOE ABANDONOU A XUNTA

Os tres concelleiros do Partido Socialista asistiron á xunta de goberno asegurando que este non era un asunto urxente polo que rexeitaron participar na votación abandonando a reunión.

Arquivado en