O comité de empresa de fábrica de Ence teme que a Xunta pretenda "deixar correr o tempo enredándonos en consultas legais"

Pontevedra
28 de setembro 2021

Este martes, o comité emitía un comunicado en que demanda que se exploren "todas as vías posibles para garantir a continuidade dos nosos postos de traballo" e piden que as administracións non os entreteñan con "cantos de serea"

Representantes do comité de empresa de Ence concentrados ante a Subdelegación do Goberno
Representantes do comité de empresa de Ence concentrados ante a Subdelegación do Goberno / Mónica Patxot (arquivo)

Despois da reunión mantida este luns 27 de setembro en Santiago co vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, o comité de empresa da fábrica de Ence en Lourizán emitiu un comunicado no que analiza a proposta da administración autonómica de acudir ao Consello Consultivo de Galicia para estudar se é posible que a fábrica se adscriba ao Porto de Marín coa idea de manterse na súa localización en Lourizán, á marxe da sentenza da Audiencia Nacional, que está pendente dos recursos presentados ante o Tribunal Supremo.

Os representantes dos traballadores entenden que a Xunta de Galicia debe explorar calquera solución que garanta a continuidade dos postos de traballo. Insisten na súa petición de que as solucións sexan "reais, que se poidan levar adiante". Alertan de que o escenario que presente o goberno de Núñez Feijóo é preocupante ao non explorar outras posibilidades

Neste sentido, o comité que preside Antonio Lafuente afirma que "parece que só queren deixar correr o tempo enredándonos en consultas legais (algo que xa podían ter feito)" e lembran que o persoal non ten tempo. Ademais tamén fan referencia ao intento hai máis de 15 de anos de pasar os terreos que ocupa Ence ao porto de Marín "fracasando no intento".

Reclaman ás administracións que exploren todas as vías posibles para garantir a continuidade dos postos de traballo e piden aos representantes públicos que non lles enreden con "cantos de sereas".

Arquivado en